As San Lucas en realidade aumentada

Fran Bouso, profesor e escritor

A MARIÑA

19 oct 2016 . Actualizado a las 16:55 h.

Parece interesante o convenio asinado entre a Universidad a Distancia de Madrid e a Rey Juan Carlos co concello de Mondoñedo mediante o cal promoven o grupo de investigación “Proxecto Retinae” a tavés do cal pretenden investigar as posibilidades das novas tecnoloxías audiovisuais como a imaxe en 360º, a realidade aumentada ou a virtual misturado todo isto coas posibilidades que ofrecen os avións non tripulados coa finalidade de crear produtos que sirvan para a promoción da localidade.

Imaxínanse que hoxe, Día Grande das San Lucas, nada máis rematar de ler este artigo puidesen acceder desde o seu ordenador, tablet, smartphone ou smart TV e conectar cunha cámara panorámica de ángulo total que ofrecera imaxes en directo do que está a acontecer no Campo dos Paxariños durante a celebración da feira de gando? Ou que simplemente con facer un “clic” tivera á súa disposición as imaxes captadas por drons da baixada dos cabalos que tivo lugar onte pola tarde? A min apetéceseme case tanto como unha ración de polbo e seguramente que aos centos de mindonienses que están espallados polo mundo lles serviría para apagar un pouco a morriña que senten nun día coma o de hoxe.

Ata o momento, esta iniciativa proporcionou un vídeo interactivo do val de Mondoñedo que foi realizado integramente con drons. Nesta reportaxe gráfica móstranse imaxes dixitais en tres dimensión da catedral e cadros de texto que aparecen nada máis tocar a pantalla sobre puntos concretos.

Este proxecto será presentado no IV Fórum de Cidades e Territorios Creativos de España que se celebrará do 10 ao 12 de novembro en Málaga. Mondoñedo é socio fundador da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España desde a súa constitución o pasado mes de xullo en Monforte de Lemos.

Experiencias deste tipo, impulsadas desde pequenas asociacións, empresas e particulares locais, xa se puxeron en práctica hai anos. Estoume a referir, por exemplo, á emisión en directo vía streaming da vixésimo quinta edición da concentración mototurística Ruta N-634. Daquela, ademais de poder seguir desde calquera lugar do mundo con conexión a internet o que acontecía na prazas do Concello e da Catedral ou na avenida de Bos Aires, tamén se emitiu en directo o desfile de motos con lumieiras cunha cámara subxectiva situada nun dos vehículos da organización.

O proxecto Retinae, que conta co apoio e implicación de destacadas institucións universitarias e o concello de Mondoñedo e que e que traballa desde unha perspectiva académica, seguro que aportará conclusións ben interesantes coas que se podan poñer a andar iniciativas de promoción turística e cultural.

Hoxe é día de festa en Mondoñedo, o Día Grande das San Lucas, as potas de polbo xa están fervendo e o divertimento está asegurado, como a realidade aumentada, virtual e as cámaras de plano total non están funcionando, non queda outra que achegarse á Cidade da Paula para gozalas. Se teñen ocasión, non o deixen pasar.

Fran Bouso. Profesor e articulista.