Ulises sempre volve

Antón Meilán, catedrático 860 ANOS DE FEIRAS

MONDOÑEDO

19 oct 2016 . Actualizado a las 16:53 h.

A teima de Ulises era chegar a Ítaca, mais sabía no seu interior que nunca o lograría porque o lera na súa novela cunqueiriana. Pra chegar a Ítaca tiñan que cambiar de rumbo o sol, a lúa e as estrelas, e iso era imposible porque era labor dos deuses. E os deuses fixeron o mundo e o firmamento daquela maneira: amencemos co sol, anoitecemos coa lúa e soñamos coas estrelas, que nos marcan tamén o camiño da vida. Ulises aprendeu nas súas singraduras mariñeiras que non se pode ir contra o destino da natureza. El, que veu tantos amenceres nos mares do sur e anoiteceres nos do norte. O amencer sempre é morno, mol, doce, ledo, por iso confunde o mar co horizonte, onde aquela derradeira liña é a da lembranza e a da melancolía. Por contra, o anoitecer é bravío, bate o mar contra os farallóns e acantilados, é a loita do remate do día. ¡E a noite!, a noite é o reino das estrelas e dos soños: a estrela Polar, o carro de Santiago, que leva á nosa terra. E tódalas noites cando o vía no firmamento, non podía deixar de pensar na súa cidade natal: na rúa de santo Domingo co canto das monxas; a de Batitales co o son do piano dos Luaces; a de Pardo de Cela co degolamento do Mariscal; a da Imprenta co ruído das máquinas das noticias; a catedral coa música do órgano e o cheiro a incenso; a Alameda coa vista verdecente das rilleiras; o campo da feira e aqueles días de troula das San Lucas. Amoreábanselle tódolos recordos da súa nenez e xuventude. E sobre todo, ¡canto recordaba a Penélope!, que quedaba agardando á volta da súa viaxe: facendo e desfacendo nos soños.

Nas soidades do barco

Na soidade do barco, cantas veces imaxinou acariciar aquelas mans anxelicais. Cantas veces mirou aqueles ollos, que foron as estrelas nas noites treboantes do mar. Cantas veces lembrou aqueles bicos nos seus beizos, na súa boca, nos que sentira por primeira vez todo o amor do mundo: “en todo estás e ti es todo / pra min y en min mesma moras”, lle dixo aquel día, lembrando a Rosalía. Sempre que se despedían, lle dicía o mesmo: -morrerei nalgún naufraxio, pero levarei no meu silencio o amor dos teus bicos e o cor mariñeiro dos teus ollos. E Penélope desfacíase coma unha estrela de san Lourenzo.

Ulises sempre desembarcaba polo mes do Patrón pra axudar na casa nas tarefas da sega, e xa se quedaba prás feiras das San Lucas. Ese cheiro verde, fresco, a herba recén segada levábao na alma. Cando embarcaba e desembarcaba, xa xunto con Penélope, sempre facían o mesmo: ían pra Alameda a ollar a estrela Aldebarán, da constelación de Tauro, o siño de Ulises. A estrela que brilla e rebrilla aínda de día. Tiñan o segredo de mirala tódalas noites, estiveran onde estiveran, porque lles daba a forza que necesitaban pra soportar tanta soidade. Tamén lle adicaban unha tarde-noite a recitar, ruando pola vila, ese poema titulado Retorno de Ulises, que lle fixera o señor Cunqueiro unha das veces que desembarcara. Tiñan unha gran querencia por recitalo ambos a dous. Empezaba Ulises «Pende en que pende Penélope pensativa», e seguía Penélope «perdo novelo nove novamente canto», e así ata o final. Xuntos, nunca pensaban na morte, era coma se fosen vivir pra sempre.

Volve estar con nós

Este ano volve estar con nós agardando ás outonais festas das San Lucas. Sempre aproveita pra mercar tódolos útiles que necesita para as súas singraduras: unha manta de Palencia; dous traxes de augas e un con sombreiro; uns zocos con solas de goma; navallas e coitelos de Taramundi; uns tarriños de mel pra botar no leite da mañá; queixos, noces e un anel para regalarlle a Penélope. Tiña tantos aneis coma viaxes levaba feito. A todos lles poñía o nome dunha estrela: Altair, Espiga, Vega, Rigel, Pólux, Capella,? E despois das feiras, volta ao mar a acariciar o vento e a soidade. Todo lonxe novamente: a terra e a vida. Novamente sós, el, o mar e os soños. E no bosque de Silva comeza a aparecer o inverno.

Cando vía no firmamento o carro de Santiago non podía deixar de pensar na súa cidade natal