«Ao formar parte dunha gran cooperativa vanse conseguir mellores prezos»

María Cuadrado Fernández
m. cuadrado VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Os seus socios opinarán o vindeiro día 31 sobre a unión no gran grupo con Feiraco, Xallas e Melisanto

12 oct 2016 . Actualizado a las 13:12 h.

Os socios de Os Irmandiños decidirán o día 31 en asemblea sobre o proxecto de integración da cooperativa nun gran grupo de referencia do sector lácteo. O proxecto, que persegue operar a partir do 1 de xaneiro do 2017, implica tamén ás cooperativas Feiraco, Melisanto e Xallas. José Ángel Blanco, presidente de Os Irmandiños, amósase optimista, pero destaca a importancia de dar pasos «lentos e seguros» e ten moi presente que a propiedade da cooperativa é dos socios, «que son os que deben decidir». Actualmente a cooperativa con sede na Rochela (Ribadeo) presta servizos en 40 municipios da Mariña, Terra Chá, Asturias, Ortegal... Aínda que as gandeirías de carne representan a un número importante de socios, a media de produción anual das granxas de leite dos seus asociados oscila entre os 700.000 e os 740.000 litros.

-Dos 4.340 gandeiros que aportan as catro cooperativas, ¿cantos suma Os Irmandiños?

-Temos sobre mil socios, pero é unha cifra que varía todas as semanas. Danse de baixa, entran outros, hai xubilacións, hai fusións de gandeirías...

-Unha das razóns esgrimidas para xustificar a unión é a redución de custes de produción...

-Pola zona na que se sitúa cada cooperativa, polas necesidades de cada socio... cada cooperativa foise especializando en determinadas tarefas e servizos. A finalidade é aproveitar unhas a sabiduría das outras cooperativas. Os Irmandiños ten unha flota de carros mesturadores distribuidos por zonas, con nove rutas traballando, e outras cooperativas non teñen ese tipo de maquinaria. Pois teremos que aportarlles nós eses datos para que poñan en funcionamento este tipo de servicio. E iso, engandido a que á hora de comprar, ao ser unha cooperativa máis grande, vanse conseguir mellores prezos e vai axudar a reducir os custes.

-Agora, deben decidir os socios...

-Unha empresa ocupouse de toda a parte legal e os consellos reitores das cooperativas aprobamos esta fusión. Agora, neste mes ímonos centrar en explicarlle aos nosos socios o traballo que hai feito e as vantaxes que representa. Eles son os que teñen que decidir.

-¿Obrigou a crise a pechar moitas explotacións asociadas?

-En Os Irmandiños estamos sempre rondando entre os novecentos e moito e os 1.100 socios. Cando hai unha cooperativa que mantén o número de socios creo que xa é un éxito. Estamos satisfeitos nese aspecto, pero é verdade tamén que, como o prezo de leite é moi baixo, a cooperativa factura menos que en anos anteriores porque cada explotación reduce os seus custes.

-¿Cando comezaron a traballar neste novo proxecto?

-A nivel de consello reitor e de empresa especializada non é un paso que deramos onte (polo luns). Unha das partes deste estudo foi que os consellos reitores tivemos ocasión de facer unha viaxe por Europa e de ver cómo funcionan as cooperativas noutros países. Chegamos á conclusión de que o que temos aquí non son cooperativas, son microcooperativas. Somos cooperativas e explotacións tan pequenas con dificultades á hora de meternos en grandes proxectos porque nos esixen investimentos moi grandes. Este é un pequeno paso, pero está aberto a máis cooperativas. Cremos que é medrar un pouco máis e facer un grupo cooperativo que sexa atractivo para os nosos socios. En Europa hai casos nos que en todo o país hai unha soa cooperativa, e tamén hai cooperativas con gandeiros de varios países. Non imos chegar a iso de repente, pero hai que ir dando pasos, aprendendo de países que van por diante e de proxectos cooperativos que teñen éxito. Nun principio temos que aproveitar as sinerxias, gañar volume para ser máis respectadas nos mercados e para comprar mellor e con mellores prezos. E ir dando pasos pouco a pouco.

-¿Será fácil trasladarlles aos socios a importancia destas vantaxes e da visualización pública dun gran grupo galego?

-Con esa intención se fai. Temos moita ilusión, pero témoslla que trasladar aos nosos socios. Levamos case dous anos traballando neste tema, vendo outras experiencias, pero témoslle que explicar aos socios todo o que fixemos para que se sintan partícipes do proxecto. Deben aprobar esta iniciativa dous tercios dos membros. A propiedade é dos socios e hai que respectar o que a xente decida. Nós imos facer un esforzo por explicarlles o que nós pensamos.

«Temos que gañar volume para ser máis respectadas nos mercados e comprar mellor»

«O tema de Clesa creo que nos animou a que saíra agora este proxecto»

-¿Que os animou a dar este paso nestes anos tamén de crise para o sector agrogandeiro?

-Temos proxectos exitosos iniciados. Levamos catro anos nos que tres destas cooperativas que compramos Clesa vemos que é un proxecto moi exitoso. Cando a compramos estaba en concurso de acredores e hoxe funciona, medra todos os anos. Pero claro, temos catro anos de vida. E en Os Irmandiños cumprimos este ano 40 anos e tampouco somos ningunha multinacional. Temos que ir moi despacio. O tema de Clesa creo que nos animou a que saíra agora este proxecto. Asústame un pouco cando se fala do gran grupo lácteo galego e se compara con outros grandes grupos, pero creo que temos que aproveitar a sabiduría das cooperativas. En Os Irmandiños é necesario apostar polo tema da horta. Os socios da nosa cooperativa poden aproveitar a sabiduría doutras cooperativas neste tema.

-Incide continuamente na importancia de ir despacio...

-Cando se fala de grupo eu quero ser cauto, ir despacio e non xerar nos socios unha expectativa moi grande. En Clesa temos un crecemento boísimo, pero son só catro anos. Estamos nunha sociedade na que as cousas parece que se teñan que facer xa, pero eu prefiro ser cauto e manter os pés na terra. E despois, non quero perder de vista a labor social das cooperativas. Si gañamos cartos temos que investilos no sector. Eu dígolle aos socios que me consultan pola comercialización do leite que si non tiveramos Clesa eses millóns de litros de leite estarían xerando excedente e esa situación axudaría a baixar o prezo do leite. Indirectamente estamos aguantando o prezo do leite.