«Queremos poñer a Mondoñedo de moda... e penso que xa o está»

José Francisco Alonso Quelle
JOSÉ ALONSO MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

Trala visita da reina Letizia reivindica o orgullo de ser mindoniense: «O primeiro é que a xente crea en Mondoñedo»

06 oct 2016 . Actualizado a las 13:15 h.

Actos como a toma de posesión do bispo Luis Ángel de las Heras, a recente visita de Mariano Rajoy e esta semana a da reina Letizia a Mondoñedo contribúen a proxectar a imaxe da cidade, una nova imaxe que tenta superar o pesimismo dun concello que perde poboación, illado pola autovía, con dificultades para crear emprego. Ese é o obxectivo ?di? polo que traballa a alcaldesa, Elena Candia: «O que queremos é que Mondoñedo estea de moda, e penso que si que o está»

«Isto está servindo para que a xente de fóra nos teña presente e nos identifique como un destino de moda, e tamén para concienciar á nosa poboación dos recursos que temos, para que os mindonienses reivindiquen o orgullo do seu e de ser de Mondoñedo, da nosa historia, da climatoloxía da que nos queixamos pero que grazas a ela temos produtos de horta marabillosos, desa autovía que ten néboa pero que converte á cidade nun lugar para consolidar como zona de lecer e de descanso para a xente que viaxa... todo iso é o que temos que fomentar, aproveitar ao máximo os nosos recursos, e con todas as cousas que a priori supoñen un problema, na medida das nosas posibilidades sacar o positivo».

-Mondoñedo en positivo.

-Esa é a liña de traballo. Poñer a Mondoñedo como un lugar atractivo para investir, fronte á idea que había dun Mondoñedo decadente, que perde poboación, como a maioría de concellos de Galicia, pero que ten moitos recursos.

-Parece coma se falase de recuperar unha certa autoestima.

-Certo, porque a humildade é compatible con sentirse orgulloso do teu. Os mindonienses necesitamos axudas pero unha actitude en nós para superar as adversidades tamén é moi importante. E en Mondoñedo, simplemente lembrando un pouco a súa historia e todo o que aportou, tenos que servir de acicate para afrontar os retos de futuro, e demandar, axudar e conseguir que cheguen aquí proxectos que xeneren riqueza, que nos dean de comer. Neso estamos.

-Porque parecía que Mondoñedo estaba pouco menos que en caía libre. ¿Xa non?

-Ao marxe da crítica política, que non procede porque os veciños xa puxeron a cada un no lugar que consideraron oportuno, o que máis lle reprochaba ao goberno anterior era que non sabían que facer co goberno. As cousas poden saír mal, pero tes que ter un proxecto, e eles non o tiñan. En Mondoñedo non chegaba con facer labores de mantemento, porque caía en picado. O primeiro paso é conseguir que a xente crea en Mondoñedo. Temos moitos empresarios que están crendo, abrindo negocios. Dicir nomes sempre é arriscado, porque deixas a moitos fóra, pero por poñer algún exemplo, a tenda de Merce, que vende produto de Mondoñedo; O Padornelo, que fai uns anos era moi negativo e agora pregúntaslle e di que no verán traballou moitísimo; os da Tasca, captando clientes con Tripadvisor; os rapaces que teñen a cafetería do Rei das Tartas... no último ano abríronse máis negocios en Mondoñedo que nos últimos dez. Non hai milagres; unhas cousas saen ben e outras non, pero hai que intentalo. No meu goberno somos xente nova que ven da empresa privada; a maioría saben ben o que é poñer a funcionar un negocio.

ELENA CANDIA

«As cousas poden saír mal, pero tes que ter un proxecto, e antes non o había. En Mondoñedo non chegaba con facer labores de mantemento, porque caía en picado»

«No último ano abríronse máis negocios que nos últimos dez»

«Necesitamos axuda, pero unha actitude en nós para superar as adversidades tamén é importante»

Elena Candia