«O Colexio de Enxeñeiros deunos o premio pola nosa evolución industrial»

ADRIÁN PÉREZ, S.C. A PONTENOVA / LA VOZ

A MARIÑA

Luis López, xerente de Industrial Recense, de A Pontenova

14 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Luís López Folgueiras é o xerente da empresa Industrial Recense, empresa afincada na Pontenova, que acaba de recibir o galardón ó Mellor Proxecto de Industria 4.0, pertencente á primeira edición dos Premios Galicia de Industria outorgados polo Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Galicia en colaboración coa Asociación de Ingenieros Industriales de Galicia. Esta empresa familiar, creada fai máis de 60 anos, ve recompensado o seu esforzo en I+D+I. Na actualidade están a traballar con tres marcas, Recense ofrecendo solucións de fixación, Aisrec de asilamento e impermeabilización e Stonorec ca que ofrecen pedra natural para la decoración.

-¿Que cren que foi o que máis valorou o xurado para outorgarlles este galardón?

-Enviamos unha memoria presentando a nosa candidatura en resposta á iniciativa plantexada polo ICOIIG. Nos últimos anos aumentamos moito a nosa facturación de exportación. Polo que tivemos que evolucionar tecnolóxicamente, introducindo avances cunha inversión anual en nova maquinaria, moi importante. Cremos que esta aposta pola evolución tecnolóxica foi o que valorou de forma positiva o xurado do Colexio de Enxeñeiros.

-¿Que fai diferente a Industrial Recense?

-Diferénciannos dous conceptos cos que traballamos, axilidade e flexibilidade. A axilidade coa que traballamos cando un cliente nos plantexa as súas necesidades e a flexibilidade coa que somos capaces de adaptarnos ó que nos piden. Traballamos para ser capaces de dar a solución técnica axeitada.

-¿Cal é a evolución que está a levar a empresa nos últimos anos?

-Os últimos tres anos caracterízanse polo aumento das exportacións de xeito moi significativo.

-¿Onde exportan?

-Exportamos principalmente a Europa, aínda que enviamos a diferentes partes do mundo. Traballamos con clientes que se adican ó sector das enerxías renovables, polo que debemos responder a súa demanda alí onde están a traballar. Por iso, aínda que os nosos produtos se exporten principalmente dentro de Europa, tamén traballamos noutros países como México ou Sudáfrica.

-¿Que consecuencias ten sobre a estrutura da empresa este aumento das exportacións?

-Nos últimos anos comezamos a traballar con novos sectores. Diversificamos a produción de novos produtos. Pódese dicir que medramos en xeral en todos os aspectos.

-¿Que impacto tivo este incremento nas exportacións dende o punto de vista económico?

-Nestes últimos exercicios recuperamos a facturación de antes da crise.

-¿O groso da produción ségueno a facer na Pontenova?

-Fixémonos, recentemente, cunha empresa en Asturias para realizar alí algúns traballos. Pero si, continuamos a traballar dende a Pontenova.

-¿O crecemento que está a experimentar Industrial Recense fai que se plantexe trasladar a empresa da Pontenova?

-Non é sinxelo trasladar Industrial Recense. É certo que cada vez costa máis o transporte das mercancías, pero isto é algo que se suple con outros aspectos positivos que atopamos aquí.

-¿Que aspectos positivos e negativos atopa da emprazamento actual da empresa?

-O certo é que comercializamos uns produtos que pesan moito, cun valor que non é alto, o que encarece o transporte. Custa máis transportar un produto dende a Pontenova, e non sempre é sinxelo atraer parte do persoal para que traballe aquí. Pero isto é algo que se suple coa implicación que ten a xente que traballa na empresa. O noso equipo conta con persoal que, ó igual ca min, é a segunda xeración de traballadores. Esta participación e implicación da xente coa empresa non a poderíamos atopar noutros lugares, seguro.

«Aumentamos as exportacións nos últimos

anos de xeito significativo»

«Valoramos moi positivamente a implicación da xente que traballa nesta empresa»