«O brexit foi un desastre total»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

paco rodríguez

Sentiu «pena» ao non poder acudir á última homenaxe que lle brindaron en Ribadeo

31 ago 2016 . Actualizado a las 12:18 h.

John Rutherford (Saint Albans, 1941) recibía hai pouco unha homenaxe en Ribadeo á que non puido asistir. As súas visitas a Galicia reducíronse por razóns persoais. Aínda así, o hispanista e galeguista, fillo adoptivo ribadense, membro de honra da Real Academia Galega, Doctor Honoris Causa en A Coruña e Oviedo, Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes e Castelao, entre outros recoñecementos, mantén a morriña intacta. Dende Inglaterra, di: «Quero moito a Galicia, sobre todo a Ribadeo. Deume moita pena non ir á homenaxe».

-Ferramentas coma Skype salvan distancias. ¿Que tal se leva coas tecnoloxías de hoxe en día?

-Forofo non son. Cando intento facer algo que vaia máis alá do básico sempre estropeo todo. Si uso o ordenador a diario para escribir, pois é unha maquina de escribir marabillosa.

-Xa o usaría cando traduciu Don Quijote ao galego. Trabuqueime, quixen dicir ao inglés...

-(Ri) Si, tamén alguén dixo que eu traducira La Regenta ao español. Foi nos anos 90 do século pasado, xa tiña ordenador e o manexaba. Se é unha tradución ou artigo sempre o escribo primeiro a man e despois o paso en limpo. Non son de escribir algo serio directamente na máquina porque aínda escribo a estas alturas con dous dedos.

-¿Que o ocupa agora mesmo?

-Estou facendo sonetos ingleses de sonetos españois. Acaba de publicarse o primeiro libro de cento e pico de sonetos do Século de Ouro (Garcilaso, Quevedo, Góngora...) É unha tradución que tamén é un soneto correcto inglés e leva a maiores un comentario crítico.

-¿Cantos libros ten?

-¡Un montón! Teño o garaxe convertido en biblioteca.

-O seu favorito en galego...

-É tan difícil. Non quería contestar a esa pregunta... Case me parece un desprezo aos outros.

-Pois entón, o obsequio literario que máis ilusión lle fixera.

-Hoxe en día non se regalan tantos libros. O que me gustou máis non foi un que me fixesen a min, senón que cando o presidente Obama veu a España pasar un día, o Rei regaloulle a miña tradución ao inglés de El Quijote. Foi unha sorpresa total porque o souben cando o lin nos xornais.

-Xa podía dicirlle ao Rei que o houbese avisado alomenos para firmarlle vostede o libro a Obama.

-Non teño o seu número (ri). E como foi unha sorpresa...

-Cando vén a Galicia, ¿que lle gusta facer no seu tempo libre?

-Gústame estar coas miñas fillas. Teño tres e ata hai un ano vivían e traballaban en Galicia. Agora unha delas veu para Inglaterra. Tamén me gusta estar cos amigos de Ribadeo. Antes iba moito pescar por aí.

-Xa parece obrigado preguntarlle polo «Brexit». ¿Que lle pareceu?

-Foi un desastre total, unha vergoña a maneira en que fixeron a campaña, asustando con mentiras á xente e logo un tipo de nacionalismo barato que entregaron aos que estaban a favor do brexit. Parece mentira que a xente se deixara enganar dese xeito. A campaña a favor de quedarnos na Unión Europea tampouco foi boa, fixeron bastantes erros.

-Falando doutro británico afincado en Ribadeo, ¿tivo ocasión de ver o vídeo «Pataca y cebolos» con Derek John?, ¿pode haber puntos de conexión entre o humor británico e a retranca galega?

-El é concuñado meu. Xa vin o vídeo, está moi ben. É moi gracioso. Para min a retranca é non dicir a verdade pero tampouco mentir pero si dicir algo lixeiramente diferente da verdade. En Inglaterra temos máis tendencia cara ao sacasmo, que é ironía, diferente da retranca. O sacasmo é descifrable. Se está chovendo o típico inglés di «que bo día» e en Galicia dicimos «parece que vai chover». Hai unha diferenza bastante marcada. O vídeo está moi ben feito e moi ben pensado. Pero si, non sei se haberá retranca na maneira en que con acento galego sempre di «patacas y cebolos» en vez de cebolas. Quedo pensando que se fala tan bo galego por qué di cebolos. Na retranca queda unha dúbida.

«Foi unha sorpresa cando o Rei lle regalou a Obama a miña tradución ao inglés de El Quijote»