«Alfoz é un municipio moi propicio para o chamado turismo slow»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

MIGUEL PAZ

O rexedor local suliña o potencial turístico do municipio debido aos seus múltiples recursos naturais

29 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfoz é un dos enclaves da Mariña interior con recursos paisaxísticos e patrimoniais salientables, xunto con outros coma a actividade industrial que completan toda a súa riqueza. Todas as pezas fan falla para dinamizalo, recoñece o alcalde alfocense.

-Alfoz, ¿tamén atrae turismo?

-Hai xente que aproveita para visitar o interior da Mariña especialmente en días escuros. Aquí teñen unha zona para relaxarse, perfecta. Hai turistas que non son tanto de praia, queren outras cousas, paisaxes e monumentos.

-A xoia da coroa é o Castelo.

-O Castelo, a pena Abaladoira... Si, son puntos de interese. Tamén toda a serra do Xistral, onde hai zonas graníticas que son espectaculares, preto de dita pena, a flora e fauna, pois vense alí cabalos salvaxes, manadas de voitres, corzos, lebres...

-Alfoz pode explotar, por tanto, o chamado turismo de natureza.

-Alfoz é un municipio moi propicio para o turismo slow. Temos tamén vivendas que están á venda ou para rehabilitación na zona rural e que non son caras. É unha maneira de ter unha casa preto de praia e ao mesmo tempo estar no medio do campo.

-¿Como cre que se debería dinamizar o turismo nesta zona?

-Penso que o que hai que facer é darse a coñecer conxuntamente con toda A Mariña, que a promoción sexa conxunta. Cada municipio ten unha cousa diferente e podemos compartir cousas. Nós, por exemplo, temos cousas diferentes en relación a paisaxes, rutas de sendeirismo...

-E falando de deportes, a práctica da caza e da pesca son algo habitual no municipio alfocense.

-De feito, tamén aproveitan os nosos montes moitos da Mariña para facer rutas en moto, ao ser zona tranquila e sen coches. Incluso os afeccionados á bicicleta de montaña e de carreteira, que teñen dende 100 metros con respecto a nivel do mar ata 800 en 10 quilómetros, sobre todo para o que lle guste subir coa bici.

-Di «sen coches», menos este domingo que é a procesión da Festa dos Choferes.

-Si, ese día cambia a nosa rutina por un motivo festivo. Aquí veñen camións de toda A Mariña á romaría do San Cristóbal a disfrutar do día de festa e acampada.

-E xa ten medio século a cita.

-A festa fíxoa xente que tiña camións, para celebrar a festividade dos condutores. Dende aquela foi cada vez a máis e con éxito. Concéntranse os veciños das parroquias para celebrala.

-Falando de coches, o sector da carrozaría ten o seu peso a nivel industrial en Alfoz. ¿Outros?

-A nivel industrial os nosos fortes son o sector da madeira, tanto a parte forestal como de transformación (aserradeiros) e o das carrozarías. Tamén contamos con outros servizos como os de pedra e de material de construción.

-¿Como empuxar á zona rural?

-Agora estamos na fase final da concentración parcelaria. Tamén, unha asociación que se montou o ano pasado, Afruval, para fruticultura e horticultura, xa ten máis de cen socios e ten en mente ser cooperativa. Ese é un recurso noso máis, porque hai fincas para alquilar, este é un val fértil onde temos moita auga, terras boas, ladeiras aptas para plantacións de castaño e froiteiras, incluso se dan limoeiros e laranxeiras. É un microclima moi bo para a agricultura. Tamén traballan a agricultura ecolóxica e están planteando o cultivo da castaña. Nós estamos financiando cursos de formación e todo o que estea na nosa man para axudar á iniciativa privada, aí estamos. Algúns problemas que temos son o do planeamento urbano mentres non remate a concentración definitiva. Estamos tratando de definir os núcleos e que a Xunta concrete a zona para o polígono. Con respecto á concentración parcelaria, levamos con ela trinta anos. Agora está na fase final, pouco falta en canto a trámites.

«Estou orgulloso de que a xente se preocupe de facer festas, senón sería máis triste»

-Falemos de festas, Alfoz non parará especialmente no verán.

-De xuño a setembro, se non é nunhas parroquias é noutras, e todas as fins de semana.

-Grazas tamén ao esforzo que fan os veciños para organizalas.

-Porque hai comisións que fan as festas, se non non habería festas. Estou moi orgulloso de que a xente colabore e se preocupe. Se non foran eles, sería máis triste.

-Por certo, agora estamos en plena Festa dos Choferes. ¿Que vehículo conduce vostede?

-Teño un Seat dende hai seis anos, normaliño. Tamén teño unha moto pequena, tractor.

-Creo recordar que en Alfoz había tamén un circuíto de cross.

-Había moita afección de moto pero agora funciona máis para a bicicleta.

-Leva un ano de alcalde. ¿Pode ofrecer un pequeno balance?

-Positivo. Fixemos cousas e a dinámica é diferente, xa que tratamos de atender os veciños o mellor posible e que calquera problema que teñan estea resolto en 24 horas, se pode ser. Tamén aproveitamos todas as subvenciones de Xunta e Deputación que veñan para mellorar.