O PSOE de Foz non comparte as acusacións de Castiñeira tra-la pelea en San Martiño

La Voz FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

28 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A executiva socialista e os concelleiros de Foz non comparten as acusacións do alcalde focense tra-la pelea en San Martiño (culpaba el da pelea a unha panda de Burela). Os socialistas cren que se trata dunhas manifestacións «cun marcado tinte xenófobo e sen ningún tipo de autocrítica».

«Non se pode ensalzar a magnifica organización e cando hai un problema derivar as responsabilidades», din.

Tra-lo acontecido na verbena de San Martiño onde varias persoas resultaron feridas nunha pelexa e as posteriores declaracións feitas polo alcalde de Foz os representantes do PSOE consideran que as cousas «non se fixeron tan ben como se pretende facer ver, máxime cando non é a primeira vez que ocorren incidentes dese tipo en dita festa».

Un plan para 8.000 persoas

«Á vista esta que os medios despregados non foron os suficientes e que é preciso adaptar o Plan de Seguridade á realidade, non pode ser que se autorice o evento cun Plan para 8.000 persoas e logo sexan 15.000 persoas, o que case duplica as cifras manexadas no Plan de Seguridade», afirman.

«É irresponsable culpabilizar a outros concellos do que pasa en Foz e moito mais culpabilizar a toda unha comunidade de persoas inmigrantes que levan mais de 30 anos asentados na comarca e que son un referente de integración», en referencia aos caboverdianos.