Mondoñedo inicia unha homenaxe a Neira Vilas que seguirá en toda Galicia

s. c. / d. gayoso MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

28 jul 2016 . Actualizado a las 23:02 h.

“A actividade de dinamización lingüística ‘Contos vellos para rapaces novos’ homenaxeará a Xosé Neira Vilas en 24 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta no marco do novo programa ‘Galicia culturea. Lingua e cultura no verán’, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a despregar nestes meses estivais en máis de 160 concellos de Galicia por medio de 600 propostas culturais e lingüísticas”.

Así o anunciou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, onte en Mondoñedo, concello anfitrión da primeira das sesións da actividade, nun acto no que estivo acompañado pola alcaldesa, Elena Candia; polo presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez; e por Teresa Rocamonde, de Edicións Bolanda, a empresa xestora.

«Con esta proposta queremos poñer en valor a lingua como o noso patrimonio e ben inmaterial máis prezado e a súa transmisión oral -detallou Valentín García- a través de historias que perviviron no imaxinario colectivo de pobos dos cinco continentes e que foron recompiladas por Neira Vilas na obra que leva o mesmo título. Esta é unha das tres actividades lingüísticas que levaremos a 59 concellos da RDL durante este verán no marco do programa ‘Galicia culturea’, no que a lingua galega ten un papel destacado para visibilizala e ofrecer propostas de calidade nela destinadas ao ocio estival, nas principais festas e tamén nas rúas e prazas.