«Agora quero axudar ao club a ser campión de España»

I. D. R. XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

O xogador do Club de Bolos Xove confesase «sorprendido» polos seus resultados nos campionatos de Nigrán

25 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cristian Rodríguez Baño (Xove, 1994), do Club de Bolos Xove vén de se converter nun referente mundial no deporte do bolo celta. Nuns campionatos celebrados en Nigrán, Gondomar e Baiona con xogadores arxentinos, uruguaios, chilenos, portugueses e españois proclamouse campión intercontinental individual e por parellas e campión do mundo individual.

-Agardaba estes resultados?

-Para nada. Foi unha sorpresa. Comecei ben o día e logo fun capaz de manter esa boa dinámica.

-Sorprendeulle o nivel do torneo?

-Non agardaba estar ao nivel da xente do sur de Galicia porque esta modalidade de bolos xógana todo o ano e a nosa é distinta. Aínda así, víame con posibilidades de estar entre os 10 mellores.

-Que requisitos debe cumprir un bo xogador de bolos celtas?

-Para este deporte tamén hai que estar ben fisicamente. Estas bolas son moi pesadas e hai que lanzalas moi lonxe.

-A que idade comezaron a interesarlle os bolos?

-Na miña modalidade, a de Xove, con só seis ou sete anos xa participaba na liga local.

-Que diferenza hai entre a modalidade de Xove e a de Nigrán?

-Na nosa os bolos póñense a ras do solo e nós xogamos nunha pedra duns 10 centímetros de alto. Nos de Nigrán a pedra está a uns 30 centímetros e os bolos tamén.

-Hai moita diferenza entre xogar unha ou outra modalidade?

-Ao final é o mesmo deporte, pero si que se nota a diferenza. Estes campionatos levaba preparándoos só dúas ou tres semanas, por iso non esperaba uns resultados tan bos. Pero saíu moi ben.

-Adica moito tempo aos bolos?

-Tódolos sábados do inverno xogo a liga local. Temos outra liga os domingos, pero coincídeme co fútbol. Non xogo todo o que me gustaría.

-Chama a atención a gran tradición por este deporte que hai en Xove?

-É unha tradición familiar. Somos varias familias que nos xuntamos para xogar as fins de semana e acabamos formando un club.

-Cal é a súa próxima meta?

-Estamos clasificados para o Campionato de España e agora gustaríame axudar ao Club de Bolos Xove a ser campión.

-Tamén xoga ao fútbol, no Xove Lago. A priori pouco teñen en común os dous deportes...

-O único é que se estás ben fisicamente para un estalo para o outro. Custaríame moito quedarme só cun dos dous deportes, pero dánseme bastante mellor os bolos.