«Gadélica é un nova forma de ludismo»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía SARGADELOS / LA VOZ

A MARIÑA

O innovador festival celebrarase en Sargadelos esta fin de semana, do 29 ao 31

25 jul 2016 . Actualizado a las 12:58 h.

Gadélica está a punto de sorprender dende Sargadelos (Cervo). Do 29 ao 31, esta fin de semana, o conxunto histórico-artístico abre os seus brazos ao primeiro Encontro Contemporáneo Interdisciplinar de Arte e Cultura de Vangarda no que a música, a arte e outras formas de expresión tomarán forma a través de expoñentes nacionais e internacionais. Alberto Casas (Cervo, 1964), na organización xunto con Miguel Bazarra e Eventos del III Milenio, afonda na particular filosofía dun festival que nace na Mariña. Esta primeira edición conta co patrocinio do Concello de Cervo, a aposta de Eventos del III Milenio e a colaboración de Talleres Pomeda de Burela.

-¿Cando e como se acendeu a bombilla que da luz a Gadélica?

-A bombilla iluminouse no verán pasado, cando me convidaron a unha festa na casa que levan un francés e unha holandesa pola zona de Ponte Caldelas, un sitio peculiar. Acudía a unha festa onde coñecín xente interesante de Francia, Italia... e a Miguel Bazarra que xa estivera na primeira edición do Boom Festival de Portugal en 1998 [festival de música psychedelic trance]. Empezou a introducirme no asunto pero foi no Nadal cando comezamos a pensar que estaría ben facer un festival de música electrónica trance. Como el é filósofo e eu tamén teño inquietudes filosóficas, tiñamos que darlle o envoltorio e queríamos que este festival non fora só bailar, beber e pasalo ben, senón meter máis contido e de cara ao coñecemento, tocar temas que a xente non está acostumada a escoitar, como cábala, esoterismo, pintura psicodélica, etc... e integrando máis variantes artísticas. Que a música fora o eixo lúdico pero ao redor houbera un entramado cultural.

-¿Como respostou o Concello de Cervo a esta gran proposta?

-O Concello de Cervo quedou convencido de que Sargadelos era o sitio adecuado para facer esta proposta innovadora e vangardista dentro do aspecto lúdico. Ao redor xa se fan festas normandas, vikingas, castrexas... todas ancladas no pasado.

-Foi logo buscar algo diferente ao que se ve na axenda cultural.

-Si, tratar de buscar unha nova forma de ludismo entroncado con respecto ao medioambiente, alonxado do vandalismo e da inxesta de alcohol esaxerada. O tema das drogas é algo que hai que abordar porque está presente en festivais. Por lei se pasas de 15.000 asistentes estás obrigado a ter un hospital de campaña e nós imos telo aínda que non cheguemos a ese nivel. Aparte, traemos a Energy Control, proxecto financiado polo Ministerio de Sanidade e con premios internacionais que traballa a concienciación sobre o perigo da droga. Nós dámoslle ese enfoque, porque o problema existe e sempre é mellor tratalo desde un punto de vista sensato e científico.

-O enclave de Sargadelos, polo que representa histórica e culturalmente, ¿veuse como idóneo?

-Pensamos que en Cervo podía calar un festival así porque aínda pese a ser pobo pequeno está acostumado ao cosmopolitismo. Xa os cursillistas que viñan de distintas partes do mundo aos encontros de cerámica de Sargadelos aloxábanse nas súas casas. Era o lugar adecuado para unha experiencia que é cultural.

-Pero parte de cero. ¿Como foi de complexo conseguir un cartel tan amplo de artistas?

-Son unhas 48 horas seguidas de festival. Os dous eixos fundamentais son Ariel Orshansky que é Organic Soup, na música, e Eos Otherre na arte. Dende a primeira chamada estaban ilusionados. Para Organic Soup de Israel, que é unha das figuras máis emerxente no psytrance, esta é a súa primeira actuación en España. Buscamos entre as axencias máis importantes deste estilo de música, que están en Tel Aviv (Israel) e no futuro esperamos seguir contando con elas.

-Como a etiqueta de «electrónica» é moi diversa e variopinta, ¿que diferenciación fai Gadélica fronte a outros festivais dese son que empuxan na Mariña?

-Hai estilos de electrónica moi distintos. O trance non está comercialmente apoiado por discográficas nin medios. A electrónica está pasada en España polo tamiz do chamado bacalao. Sen embargo, Gadélica está fóra dese tamiz, vén da evolución da electrónica en Europa, México, Israel... É unha música moi minoritaria pero non porque non guste, é porque non se ensinou. Hai unha xente que se saíu do techno e se pasou a unha corrente máis filosófica, incluíndo sons étnicos, mantras, espirituais, etcétera.

-¿Cre que Sargadelos precisaba dun revulsivo cultural así?

-Eu levaba 30 anos no eixo A Coruña-Vigo pola profesión pero viaxando moito con Milladoiro por Estados Unidos, Sudamérica, Xapón... xa que fun o seu técnico de iluminación. Nos veráns traballaba e tiña o recordo do Sargadelos dos cursillistas, veráns fantásticos, ambiente todas as noites... pero cando volvín aquí foi como que alguén fora á caixa das pilas e non había pilas, estaba apagado. Pensamos nunha idea para volver a meter a pila para que Sargadelos volva a lucir. O noso obxectivo é ser o misto que prenda a chama dun rexurdir.