Inocencia vs responsabilidade

Mayra García, coordinadora do PSdeG-PSOE na Mariña ELECCIÓNS: TRALO 26J

A MARIÑA

01 jul 2016 . Actualizado a las 13:04 h.

Por primeira vez na historia celebráronse dúas eleccións xerais nun espazo de tempo de tan só seis meses logo de que ningún candidato fose investido nas eleccións anteriores. Unha situación inédita, nun escenario político totalmente diferente e novo para todos, cando estamos nun tempo de pluralidade, de acordos e de entendemento.

Como segunda forza, e tamén por responsabilidade política, os socialistas, logo das eleccións do vinte de decembro estabamos lexitimados para buscar un goberno alternativo, de esquerdas. O Partido Socialista Obreiro Español, na súa longa historia, demostrou a súa capacidade para cogobernar.

Porque somos un partido que aporta estabilidade e responsabilidade e porque o que pretendemos é dar resposta á maioría dos cidadáns e atender ás súas demandas; pero Podemos aliouse co Partido Popular e votou en contra do candidato socialista, antepoñendo o interese persoal por encima do interese xeral.

Ademais, os votos de Ciudadanos non foron suficientes para formar un goberno alternativo e isto foi o que permitiu que melloraran os resultados do Partido Popular, cun candidato que renunciou a ser investido. Así foi, que agora Unidos Podemos paga a falta de entendemento para sacar adiante un goberno de progreso alternativo á dereita. Ciudadanos paga a alianza co PSOE, e o Partido Socialista Obreiro Español sigue sendo o referente político da esquerda. Se ben, os españois situáronnos na oposición mentres que o PP gañou as eleccións en España, e iso é algo que debemos aceptar e temos que actuar en consecuencia.

Pero o máis importante é que o PSOE seguirá aquí, en pé, ao carón dos problemas dos cidadáns e cidadás e reivindicando sempre un mundo mellor, e en igualdade de condicións para todos e todas.

Seguimos traballando!

* Mayra García Bermúdez, coordinadora comarcal do PSdeG-PSOE na Mariña e alcaldesa de Trabada.