O noso mellor valor

Ana Ermida, responsable do BNG na Mariña

A MARIÑA

30 jun 2016 . Actualizado a las 17:26 h.

AMariña, ao igual que o resto de Galiza, pasou do Padornelo para chegar ao Congreso hai 20 anos. Non foi, desgraciadamente, por boca de ninguén da comarca; senón por boca dos representantes do BNG elixidos por outras provincias que levaron os nosos problemas como os seus propios, pois así eran. A voz das labregas, dos mariñeiros, as estradas, autoestradas e corredores pantasmas... todas elas se puxeron derriba da mesa polo BNG. Máis interese ten en resolver os problemas da Mariña un nacionalista, un traballador de Ferrol ou A Coruña, ca un señorito de Viveiro. Os problemas da nosa xente non son os mesmos que os del, está claro.

Vinte anos despois, na Mariña quedamos sen voz propia. Para o BNG a nova é mala por dous lados: como organización, pois sufrimos unha importante caída de apoios (tamén nesta comarca) que nos impiden representación e nos sitúan moi por baixo do esperado. E como comarca e País, pois quedaremos outra vez relegados a que falen de nós só cando toque: nun apartado ou nun anexo.

Sabiamos que non ía ser fácil, pois estas eleccións plantexábanse máis como unhas presidenciais a catro que como unhas lexislativas nas que escoller ás persoas que nos representen. Con todo o cariño e o respecto, instaría a algún votante das catro -inicialmente- grandes forzas estatais a nomearme as persoas polas que votaron o domingo ou a dicir algunha das medidas propostas para esta comarca. Eu mesma son incapaz, vaia o meu recoñecemento por diante. Algunha desas forzas nen sequera levaban mariñás ou mariñaos nas súas filas. Aínda con todo, as persoas que formamos parte da base social do nacionalismo (sexan afiliadas ou simpatizantes que optan pola nosa formación para á hora de votar) sabemos que os nosos problemas non quedarán nun caixón. Pois hai miles de mulleres e homes neste País dispostos a erguer a voz e facerse escoitar. E aí estará o BNG, ao carón da xente, nas loitas diarias. Nos problemas das nosas emigrantes retornadas, dos estafados polas preferentes, coa sanidade pública, cos labregos, coas mariñeiras, coas familias que non chegan a fin de mes, coas que botan das súas casas, co ensino público para tod@s, coas traballadoras de Conservas Alonso, da Ecar, de Hermida, de Mon, de Sargadelos, de Alcoa... Porque as súas loitas e os seus dereitos, os vosos, son os nosos. Polos que sempre loitamos, os que sempre defendemos e polos que seguiremos loitando desde calquera sitio no que esteamos: nas institucións ou nas rúas. En outono tocan de novo eleccións (agardemos que o circo rematara e non haxa terceira volta). Neste caso, o noso traballo será derrotar ao Partido Popular na Xunta e acabar coas súas políticas arrasadoras para as nosas veciñas e veciños. Poñer ao goberno de Galiza a traballar para as galegas e os galegos..., para quen máis o necesita. Ese ten que ser o obxectivo: se a maioría da xente o está a pasar mal, non podemos continuar cun goberno que cada día deixa que pechen empresas na nosa comarca, manda moz@s á emigración, esquece os nosos sectores produtivos ou vende a cachos a nosa sanidade.

O camiño, en malas condicións

O camiño é longo e está en malas condicións (ben podería ser a estrada da costa ou a A-8 pechada no Fiouco), pero no BNG contamos cun grande aval (ou dous): as persoas que compoñen a organización e as que se achegan (ás cales non podemos máis que trasladar un inmenso agradecemento) e o seu traballo, o noso, que ben sabedes que é o noso mellor valor. Tamén o voso.

*Ana Ermida, responsable comarcal do Bloque Nacionalista Galego na Mariña.