A marea azul imponse na Mariña

José Manuel Balseiro, coordinador do PP na Mariña

A MARIÑA

30 jun 2016 . Actualizado a las 17:26 h.

As veciñas e veciños da Mariña volveron a outorgar a súa confianza maioritaria ao proxecto que representa o Partido Popular, ata o punto de que a verdadeira marea foi azul e se impuxo en todos os concellos da comarca.

Quero agradecer a aqueles que teñen contribuído a esta ampla vitoria, convertendo ao Partido Popular na única forza política que crece en número de votos (826 novos sufraxios) e apoio electoral (máis de catro puntos), mellorando con intensidade os resultados acadados fai seis meses.

Os mariñáns confían no PP, e contribuíron co seu grao de area ao proxecto que lidera un galego, Mariano Rajoy, que hoxe sae reforzado na súa aspiración de seguir gobernando a favor dos cidadáns, xestionando os retos que aínda temos por diante e achegando solucións con sentido común e rigor.

Indixestos pola derrota

Hai quen, indixestos pola derrota e a perda de apoios, poñen en dúbida un resultado electoral que non é máis que a vontade dos veciños desta comarca, expresada de xeito libre e democrático no contundente resultado das urnas.

O 26X demostra unha oposición que sofre un notable retroceso fronte a un PP en ascenso, que foi quen de gañar á abstención e sumar novos apoios. Gañamos incluso onde hoxe somos oposición, e nos concellos máis poboados da comarca: Viveiro, Ribadeo, Burela, Foz... con incrementos que superan a media autonómica e estatal e cunha vantaxe electoral que medra respecto dos nosos adversarios: Obtemos 21 puntos sobre o PSOE, 30 sobre En Marea, 41 sobre Cidadáns e 43 ante un Bloque Nacionalista Galego residual en descomposición.

Atopámonos cun estupendo resultado na comarca da Mariña que vai na mesma dirección positiva que se acada en Galicia e no conxunto de Lugo, onde o Partido Popular medra case cinco puntos, crece máis que en ningunha outra provincia galega, resultado que tamén agradecemos ao traballo feito pola nosa presidenta provincial Elena Candia.

Ademais unha vez máis, só o Partido Popular garante a representación da Mariña nas Cortes Xerais, a través do deputado Jaime de Olano, a quen hoxe tamén quero felicitar por consolidarse e ser reelixido como a voz da comarca no Congreso dos Deputados.

Confianza

Satisfeitos pola confianza recibida, cunha Mariña lucense novamente azul, toca redobrar os esforzos para seguir merecendo tanto apoio e xestionar a vitoria con humildade e moito traballo. Queremos consolidar unha tendencia na boa dirección coa mirada posta en renovar tamén o mandato de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta.

Son tempos de dificultade e aínda queda moito por facer. O noso compromiso é que a mellora que xa reflicten os grandes datos da economía e do emprego se consolide, traballar arreo para que a recuperación chegue a todos os fogares e sempre, coa Mariña como prioridade.

*José Manuel Balseiro, coordinador comarcal do Partido Popular na Mariña.