A década «máxica» dos noventa

CARLOS NUEVO CAL, CRONISTA OFICIAL DE VIVEIRO

A MARIÑA

ARQUIVO CARLOS NUEVO

Viveiro cidade, feiras xerais, baños, minas da Silvarosa, Barro en Chavín...

30 jun 2016 . Actualizado a las 17:22 h.

Tal día como hoxe, fai 125 anos a raíña Rexente María Cristina, en nome do seu fillo o rei Alfonso XIII, concedeulle a Moi Nobre e Moi Leal Vila de Viveiro o título de cidade e o tratamento de Excelencia para a súa Corporación Municipal, por mor dos moitos servizos prestados á Real Coroa ao longo da historia.

Viveiro amosou permanentemente ao longo da convulsa Idade Media a súa fidelidade constante á Coroa, mantendo multitude de loitas e tirapuxas coa finalidade de converterse nunha vila reguenga, é dicir, dependente directamente do rei; sen ningún tipo de ataduras nin coa mitra mindoniense nin coa nobreza dominante. Estes motivos levarían ao Concello da ponte de Vivarii a ser excomungado en tres ocasións e a enfrontarse ao longo do tempo coas distintas sagas de señores feudais que apetecían ou exerceran o seu dominio sobre a Vila, falamos dos Andrade, dos Gómez Pérez das Mariñas, dos Pérez de Viveiro ou de Pero Pardo de Cela. Finalmente, os reis católicos reafirmaron o carácter reguengo da vila a partir do ano 1475.

Mais, como dixemos, aínda habería que agardar ata o ano de 1891 para que a corporación municipal, en sesión ordinaria celebrada o día 18 de xuño, decidise elevar unha solicitude ao Ministro da Gobernación, Francisco Silvela, para recibir o título de Cidade. As xestións na Corte foron realizadas polo deputado do distrito electoral viveirés, o conservador Ramón Rebellón Zubiri, quen consegue finalmente o título de cidade para a nosa vila.

Polémica polo título

Porén, semella curioso comprobar como a concesión do título de cidade converteuse xa naquelas datas en centro de polémica, principalmente, por parte da oposición municipal liberal, que continuaba vendo á nova cidade con multitude de carencias, como así reflectían nunha crónica xornalística publicada o día 12 de xuño, no semanario liberal El Vivariense: «Empiecen en buen hora los prohombres del partido conservador por remediar las necesidades que más de cerca sentimos: compongan las calles cuyo estado escandaliza á los forasteros; traten de construir el nuevo cementerio y quiten pronto ese padrón, de ignominia en donde dan sepultura á los muertos y que no es sinó un vivero de miasmas perniciosas para la salud pública: limpien las cloacas, las fuentes, el río de San Francisco y la pescadería; traten de que los cerdos no transiten á todas horas por las vías de dentro de la población, y entonces podrán vanagloriarse de haber conseguido lo que todos á una voz pedimos, y es tan necesario para que nuestro pueblo ocupe el lugar que le corresponde».