Foise un sabio

ANTONIO REIGOSA, CRONISTA OFICIAL DE MONDOÑEDO

A MARIÑA

29 abr 2016 . Actualizado a las 20:17 h.

Hai pouco máis de cinco meses, o 12 de novembro de 2015, rendiámoslle homenaxe en Mondoñdo a don Enrique Cal Pardo. Foron milleiros as persoas e colectivos que lle fixeron chegar a súa estima. Máis de 250 persoas, non habí­a capacidade para máis, procedentes de toda a Mariña e doutros lugares, achegáronse ao Seminario Santa Catarina para, nun acto sinxelo pero necesario, felicitalo polo seu 93 aniversario e asistir á presentación da súa xa derradeira publicación «Mondoñedo -catedral, cidade, bispado- na segunda metade do século XV». Francisco Piñeiro, principal promotor do acto xunto a un grupo de entusiastas, e Xosé Vizoso, ilustrador da portada, fixéronlle entrega dun estoxo cun exemplar único, encadernado en tea, e dun libro de sinaturas onde se recolleron as dedicatorias dos asistentes. A alcaldesa de Mondoñedo anunciou o inicio dos trámites para concederlle o tí­tulo de Fillo Adoptivo da cidade.

Don Enrique, o crego e o mestre, o divulgador, o medievalista, o arquiveiro e o historiador foinos revelando como un libro vivo sapiencial ao longo da súa vida milleiros de datos agachados. Un traballo calado pero inmenso ao que lle debemos case todo o que sabemos da música na catedral de Mondoñedo, dos bispos da diocese, dos tombos e demais documentos custodiados no arquivo catedralicio.

Os que alí­ estábamos decatámonos do afortunados que éramos só por termos a sorte de ser contemporáneos de quen soubo fundir maxistralmente nun crisol humanista a súa vocación relixiosa e a súa vontade cientí­fica. Foise don Enrique, foise un sabio.

Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo.