Na casa de Hortas

SUSO FERNÁNDEZ, CRONISTA OFICIAL DE FOZ

A MARIÑA

19 abr 2016 . Actualizado a las 17:04 h.

A última vez que estivéramos nela fora en maio de 2004, pouco antes de finar Manuel María. Acudíramos a Outeiro de Rei para acompañar ó poeta na presentación do libro Elexías á miña vida pequeniña. Cando no ano 50 do pasado século o escribíu, enviou o orixinal a Cunqueiro pedindo ó mesmo un xuizo crítico da obra; o mindoniense nunca respostou, o traballo extraviouse e o autor tiña mágoa porque, en contra do que nel era habitual, non deixara copia. Medio século despois, por un casual, entre vellos papeis, apareceo o orixinal e foi editado. A doenza do poeta ía moi avanzada; vencendo os atrancos desprazouse dende A Coruña ata a súa amada carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei e alí, a carón do monolito que había uns anos se erixira na súa honra, recibiu a homenaxe íntima de pouco mais dunha ducia de amigos cos que vivíu a ledicia da obra recuperada; logo imos á casa e o cronista, por derradeira vez, se sentou na cadeira da cociña central. Pasados anos voltamos á noble casona, xa feita museo, na que se realizou unha fermosa obra conservando a personalidade e o engado da vella casa labrega, fondamente enraiñizada no lugar, rodeada da horta e árbores que o Poeta da Terra Chá amaba profundamente e que cantou ó longo da vida: o cedro xigante e poderoso; a claudeira; a cerdeira e a mazaira; a grande e frondosa nogueira; o loureiro ?feito de luz e vento namorado?; a pereira vella? e a palleira, convertida en acolledor auditorio. Fiel ó espíritu, a casa mantén vivo o recordo do poeta: habitación e a cama en que naceo; o coarto do reloxio de parede co despacho e a vetusta máquina na que mecanografiou centos de poemas; as coleccións de navalliñas, de estilográficas e de reloxios; cadros no seu día agasallo de grandes artistas da terra; os poemas a Saleta e a cada rincón da casa; os 14 mil volumes da biblioteca: en lugar preferente Versos florecidos en louvanza de Foz e diversas referencias gráficas e literarias da súa relación coa vila. A visita resultounos moi emotiva. ? A casa e o seu entorno amurallado/ erguido con paciencia e sentidiño/eran un mundo antergo e pequeniño/ e un feliz universo desexado?? (de Sonetos á casa de Hortas).

Suso Fernández é cronista oficial de Foz