E Viveiro e Mondoñedo

M. A.SANDE AO FIO

A MARIÑA

13 abr 2016 . Actualizado a las 12:56 h.

Toda A Mariña no seu conxunto podería optar perfectamente a espazo natural singular, desde O Vicedo-Barqueiro, cunha ría excepcional, ata Ribadeo seguindo toda a liña costeira deste Cantábrico.

(Por certo, habería que subliñar as sendas verdes abertas por todo o noso litoral, dun extremo ao outro, para andar e practicar sendeirismo na súa meirande parte pola bordo do mar. Espléndidos estes camiños naturais para desfrutar no verán, con paraxes aínda descoñecidos, seguro, para moitos de nós).

A propósito desta candidatura de Ribadeo a pobo costeiro con máis encanto, hai que lembrar que Viveiro e Mondoñedo tamén figuraron hai pouco tempo, apenas uns meses, entre outros pobos singulares do Estado con encanto noutro portal de turismo nas redes sociais.

Este tipo de iniciativas abondan hoxendía pero está ben que sexa así, que A Mariña, a nosa costa e comarca, estea a ser coñecida, xa estivo moito tempo -demasiado- esquecida e aillada. Aínda é descoñecida, que conste, para moitos galegos/as, pero son xa cada vez menos.

O do turismo é un potencial enorme que temos aí, que aínda está por aproveitar debidamente, por explotar na súa medida e dimensión; ha ser a non tardar un dos motores principais da economía desta comarca. Estanse a dar pasos importantes e vemos xa os resultados.