«A débeda dun millón é o que non se lle cobrou de auga aos veciños e que agora reclama Gestagua»

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O rexedor lamenta que a oposición prefira deixar o asunto en mans dun xuíz en vez de chegar a un acordo

12 abr 2016 . Actualizado a las 13:15 h.

O incumprimento á hora de aplicar as actualizacións do prezo da auga desde 2007 xerou unha débeda dun millón de euros que a firma concesionaria -Gestagua- lle reclama ao Concello de Foz no Xulgado do Contencioso-Administrativo. O freo da oposición impediu que prosperase o acordo coa compañía que propuña o Goberno local para saldar a débeda e rescindir o contrato. Ante tal negativa, o rexedor, Javier Jorge Castiñeira (PP), que goberna en minoría, anunciou que a alternativa é a de actualizar os prezos. Ao vindeiro pleno levará a suba do 10 %.

-Tras coñecer a negativa da oposición, ¿cal é o seguinte paso que dará o equipo de goberno?

-Ten varias formas de proceder. A máis cómoda sería deixalo pasar, que seguira acumulándose débeda e que fose o xuiz o que resolvera. A outra opción é actuar. Xa que a oposición non aprobou a resolución do contrato para resolver a débeda, toca aplicar o que non se fixo nestes anos, non por vontade deste goberno, senón porque non quixo a oposición. Hai que tratar de non seguir acumulando débeda. Para iso hai que aprobar a actualización. Pero non será a que tocaría, que sería dun 35 %, senón unha do 10 %. Esta suba non é sobre o total da factura. Habería que aplicarlla aos 6 euros do fixo da auga e sobre algunha variable. Como moito, estaremos falando dun euro ou dun euro vinte por recibo. Non lle afectará a suba á cota do lixo, nen ao canon da Xunta... só ao prezo da auga. Xa no 2012, cando propuxemos actualizar o prezo, comprobamos que a auga en Foz era moito máis barata que noutros concellos da comarca.

-Pero aínda que apliquen esta suba no Concello, non se resolve o problema da débeda...

-Como moito, seguiremos sin engordar a débeda, pero vai ter que ser o xulgado o que estableza a resolución da débeda. Os veciños deben saber que esa débeda dun millón de euros é unha débeda dos veciños coa empresa. Tamén é certo que os veciños, que son máis de 9.000 aboados, non teñen culpa de que non lle actualizaran os prezos. É ao pleno ao que lle compete aprobalas.

-¿Cantas veces intentaron vostedes actualizar os prezos?

-En novembro do 2011 e en novembro do 2012. E a oposición deixou o tema enriba da mesa.

-¿Por que cre que o anterior Goberno non aplicou a actualización?

-Desde o 2007 ao 2011 no goberno de Rivera había unha gran tensión entre a oposición e o goberno porque o goberno aprobara a espaldas esa prórroga do contrato con Gestagua. E, nalgún momento, é probable que Rivera (exrexedor) propuxera algunha actualización, pero non se aprobou. Mal feito. No 2011, a nós xa nos advertiu o interventor que había que levar a pleno as actualizacións porque Gestauga nos estaba reclamando o diñeiro. Daquela, debíamos 300.000 euros e agora estamos nun millón. Eu canseime de pedir nos plenos que se actualizasen os prezos, pero como a oposición quería desestabilizar a xestión municipal, votaba en contra. Fíxose moita demagoxia dicindo que o Concello quería subir as taxas en época de crise. Non é que quixeramos subir, é que estaba fixado nos contratos. Esta débeda non é causada pola xestión municipal, é unha débeda dun millón de euros que non se lle cobrou de auga aos veciños e que agora lle reclama Gestagua ao Concello.

-¿Teme que esta situación poda derivar nun problema co servizo?

-Agardo que non porque confío na profesionalidade da empresa. Igual que nos ofreceu un pacto para tratar de solucionar o problema, creo que neste ano e medio que queda de contrato hai que tratar de levar a situación polas boas. Noutros servizos, como o do lixo, téñense vivido folgas importantes. No caso de Gestagua, creo que fan unha boa xestión dos servizos. De todos xeitos, a oposición ten que responsabilizarse das decisións. E si a lei nos di que temos que actualizar... Se eu fose a oposición, non estaría moi tranquilo tomando decisións contrarias á norma.

«Se fose a oposición non estaría moi tranquilo tomando decisións contrarias á norma»

«A suba do 10 % non é sobre o total da factura, é sobre o fixo da auga e sobre algunha variable»