«Algúns mozos prefiren ter un móbil de última xeración antes que sacar o carné»

María Cuadrado Fernández
m. cuadrado BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Candia confirma unha caída progresiva das matrículas, aínda que se manteñen os prezos do 2010

10 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A situación económica, o cambio de preferencias e a caída da natalidade son tres factores a ter en conta para analizar o descenso de matriculados nas autoescolas. Eduardo Candia, copropietario de Autoescola Nós de Burela xunto con María Soledad Expósito Val, confirma unha baixada de matrículas para todo tipo de permisos de condución. Veterano na profesión como formador -desde 1978-, Candia exemplifica cun dato a situación actual: «O pasado día 5 tivemos exame e, de toda a Mariña, xuntámonos en torno a 20 persoas. Teña en conta que tamén veñen da zona de Abadín».

-¿É un descenso xeral que lle afecta a todos os permisos?

-A nivel xeral, pero aínda se nota máis no permiso B. Constatamos que entre a xente máis nova, cando cumpren os 18 ou os 19 aos, xa non teñen aquela prioridade por sacar o carné. As matrículas baixaron moito e desde o 2010 caeron en picado. E tamén baixou a demanda de condutores profesionais, que agora tamén necesitan o CAP, que son 140 horas e teñen que ir examinarse a Santiago.

-Nesta comarca, onde o transporte público é deficitario, o carné de conducir é case obrigado....

-Aquí é moito máis necesario que noutros sitios porque é unha comarca mal comunicada que non dispón de bos medios de transporte público. Pero nin sequera esta circunstancia fai repuntar as matrículas.

-¿É máis caro agora o permiso?

-Por desgraza para os negocios do noso sector, estase traballando con prezos do ano 2010. A situación económica non é a mellor e a iso tamén lle hai que engadir que algúns mozos prefiren un móbil de última xeración antes que sacar o carné.

-Pero agora hai máis facilidades, cáseque nen fai falla pasar pola autoescola...

-Nós dámoslle moitas facilidades aos nosos alumnos, desde diferentes horarios ata a opción de usar unha plataforma on line. Así organizan eles o tempo como queren.

-¿Cal é o perfil do alumno que acode á autoescola?

-Hai alumnos de todas as idades. No que notamos un incremento é nos alumnos que residen en Burela pero que son doutras nacionalidades. Temos bastantes alumnos peruanos, caboverdianos, brasileiros... Teñen entre 30 e 45 anos e moitos necesitan o carné por cuestións laborais.

-¿Ve necesarios os cursos de reciclaxe?

-Impartimos eses cursos e tamén os de formadores. Sobre cursos de reciclaxe estamos para dar un en colaboración coa asociación O Vencello. Sempre defendín a necesidade de actualizar os coñecementos e, igual que para outras actividades necesitas actualizarte, en temas de seguridade viaria aínda máis. Levo anos defendendo a importancia de impartir educación vial nos colexios. Fíxese: no Código de Circulación de 1934 xa se indicaba no artigo 7 que había que impartir de obrigado cumprimento educación vial nos colexios.

eduardo candia gonzález copropietario de autoescola nós, de burela

«Temos bastantes alumnos peruanos, caboverdianos... que necesitan o permiso por cuestións laborais»