Da fusión de Alfoz-Valadouro a un novo Concello de Burela

MARTÍN FERNÁNDEZ OPINIÓN

A MARIÑA

17 mar 2016 . Actualizado a las 12:47 h.

Oproblema da viabilidade ou non dos concellos non é un problema de tamaño ou número de habitantes, senón unha cuestión de xestión e de eficiencia.

O Consello de Europa dí que para que un concello sexa viable debe ter máis de 10.000 habitantes, cifra que, en referencia a Galicia e España, os estudios sitúan en 5.000. Pero hai casos e casos. En España, hai 8.117 concellos e 55.000 núcleos de poboación, a metade deles en Galicia que tén 4 provincias e 314 municipios. Na nosa comunidade, por baixo dos 5.000 habitantes, hai 22 concellos en Pontevedra, 41 en A Coruña, 54 en Lugo e 82 en Ourense. Por baixo dos 2.000, Pontevedra tén 2, A Coruña 12, Lugo 67 e Ourense 58. E menos de 500, só Pontevedra, Ourense e Lugo teñen 1.

Frente a isto, en A Rioja un 30% dos concellos ten menos de 100 habitantes; en Castela, o 25%; en Aragón, o 21%; e en Navarra, o 13%. Así que o problema non é igual en todo Galicia nin tén nada que ver a realidade nosa coa do resto do Estado.

O que sí é evidente é que hai que aproveitar os recursos e facer unha xestión eficiente deles. A colaboración entre concellos e a prestación conxunta de servizos é precisa. Pero sempre que veña avalada por datos e estudios que demostren aforro de custes e mellora de servizos. E dito iso, non teñen por qué entenderse as fusións como o único e o mellor camiño para acadar eses obxectivos. Poden selo ou non. Pode ser o caso da fusión de Alfoz e O Valadouro. Pero tamén o de Mondariz _tén menos de 500 veciños pero está supersaneado_ ou o da reforma da planta municipal que posibilite, por exemplo, un Concello de Burela coa súa área de influenza natural: as parroquias de Cordido, Nois e Cangas (en Foz) e as de Cervo que pivotan sobre Burela.

Son moitos, pois, os camiños que levan a Santiago. Pero o que sí parece máis urxente, e convén máis, é racionalizar a administración pública, clarificar competencias, eliminar duplicidades? En definitiva, poñer os medios para que os cidadáns teñan claro quén tén que facer as cousas e para acabar coas competencias impropias que tanto afogan aos concellos. Se a Administración Local tén que prestar un servizo, que o preste, pero contando para iso co financiamento necesario. E que non veñan coa leria do endebedamento: do Gasto Público, é das Autonomías o 60 %, do Estado o 25 % e da Administración Local (concellos e deputacións) o 15 %. Está ben claro cal é o problema?