A tradición de tirarse fariña no Entroido

XOSÉ RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS, HISTORIADOR

A MARIÑA

04 feb 2016 . Actualizado a las 20:06 h.

Hoxe en día existen dous tipos de Entroido. Un oficial (desfile de comparsas e carrozas, raíñas e bailes organizados) e outro popular; neste rapaces e rapazas agóchanse trala máscara e percorren as casas solicitando agasallos (roscas ou orellas) ou ben cartos. A graza deste Entroido popular radica en saber quen se agocha trala máscara.

Estes dous tipos de Entroido (oficial e popular) existiron sempre. O primeiro celebrábase o domingo nos distintos salóns dos concellos, os famosos bailes de máscaras. O segundo tiña lugar nas rúas. Por elas paseaban as máscaras meténdose cos transeúntes, ben poñéndolles trapos ou papeis sen que se desen contas (isto era coñecido como poñer mazas) ou ben tirándolles auga, ovos, fariña, cinza ou calquera outro tipo de substancia.

Aínda que poda estrañar na Mariña de Lugo, no Entroido popular, as máscaras podíanche tirar auga, cinza, ovos ou fariña.

O feito de tirarse fariña na rúa seguro que nos leva mentalmente ao Entroido da Limia e o seu domingo fareleiro. Moitos pensarán que esta é unha tradición propiamente galega pero non é así.

O Bando da Sala da Corte do 19 de febreiro de 1792, que afecta á vila e corte de Madrid, prohibía: «En tiempo de Carnaval poner mazas, tirar harina, agua o cosa que pudiere incomodar».

A vila de Ribadeo quere ordenar o seu Entroido e así sae á luz en 1861 as Ordenanzas de policía urbana. Nelas quérese acabar con este Entroido popular prohibindo o uso de máscaras pola noite. Quedaba prohibido para disfrazarse o emprego de traxes de sacerdotes, das extinguidas ordes relixiosas, de monxes/as ou de militares.

No artigo 30 prohibían: «Arrojar aguas o basuras, tirar huevos y poner mazas».

En 1899 o concello de Foz saca as súas ordenanzas dese ano. Nelas os artigos 40 ata 45 van dedicados ao control do Entroido popular. O artigo 44 prohibía «se pongan mazas a las personas que transiten por las calles, ni que se arroje a nadie agua, harina, ceniza u otros objetos, materias o sustancias que puedan ensuciar ò causar daños».

A prohibición de tirar fariña de 1792, ou a de 1861 ou a focega de 1899 non foron quen de rematar con esta tradición do Entroido popular nin aquí na Mariña nin en ningún outro sitio. Esta é a razón de que nas ordenanzas do concello de Rentería, dadas o 14 de febreiro de 1904, no seu artigo 38 poidamos ler a prohibición de tirar auga, «polvos, harina, ceniza y otras sustancias».

¿Recuperaremos algún día as tradicións do Entroido popular da Mariña?

Ata entón só nos queda pasalo ben neste Entroido 2016 aquí entre nós na nosa Mariña.

Que vostedes o desfruten.