Todos xuntos pola residencia de Ribadeo, polos nosos vellos

JOSÉ MARÍA RODRÍGUEZ, DA COMISIÓN PRO ASILO

A MARIÑA

30 nov 2015 . Actualizado a las 13:27 h.

Fugit irreparabile tempus. Foxe o irreparable tempo! Pasaron xa máis de catro anos. A voz do pobo de Ribadeo era unánime: ?necesitamos unha residencia?. Pero converter en realidade o seu desexo estaba en mans dos políticos. E o pobo convocou os seus políticos. Convocounos a un pacto. Un por un. Estás disposto a loitar co pobo por unha residencia para o pobo, antepoñendo esta necesidade a lóita partidista? A nobreza dos nosos representantes impúxose. E a resposta foi inmediata, clara, sincera e unánime: Si! E os políticos deron un paso adiante. Aparcaron todo protagonismo partidista. Foi así como naceu aquel Pacto de Estado en Ribadeo. Loitar todos xuntos por este obxectivo.

Pro, e os cartos? En mans dos políticos. E empezaron as reunións, os estudos, os contactos. Convencer ás administracións. E así se empezou a andar un difícil camiño. Todos xuntos. Os seus froitos: Unha residencia na rúa Paco Lanza.

Pro houbo eleccións locais. Chegou xente nova. E o Pacto tambaleouse. Días de divagaciones, acusacións, desconcertos e enredos. Empezou lóita partidista. O futuro da residencia corre perigo. E, mentres tanto, os nosos anciáns seguen condenados ó desterro. A voz dos veciños segue clamando. Hai que retomar o diálogo e o consenso. Dar prioridade a esta grave carencia dos nosos anciáns. Apelar á nobreza dos sentimentos. Retomar o Pacto de Estado de Ribadeo. Primeiro a residencia. A política partidista despois. Esta é a voz dos veciños e a petición dos anciáns. Parece que xa se aclaran as cousas. Atísbanse solucións. O Pacto pódese e débese restablecer. As augas poden volver á súa canle. Todos xuntos pola residencia. O pobo míranos. Piden que os nosos anciáns regresen do seu exilio forzoso. Que morran xunto ós seus. Que este soño se convirta por fin en realidade. Chegou a hora volver a dar cada quen un paso ó fronte. Logo xogaremos á política. E a quen Deus lla dea, San Pedro lla bendiga. Pro primeiro os nosos vellos.