Na memoria de Nicasio Leal

HERMINIA PERNAS, HISTORIADORA OBITUARIO

A MARIÑA

30 nov 2015 . Actualizado a las 13:27 h.

Na asociación de mariñeiros xubilados A Moncloa, de Burela hai desde hoxe un mariñeiro menos e unha fotografía máis que busca o seu lugar na parede. Trátase dun recordo especial que os mariñeiros teñen con quen foron os seus compañeiros, primeiro no mar e máis tarde en terra firme.

Os cualificativos son os mesmos para cada foto: boa xente, cumpridora e traballadora. A xente do mar non é dada a exteriorizar os seus sentimentos senón que pechan en banda estoicamente ao tempo que miran para a fila cada vez máis grande, de fotografías penduradas nunha das paredes.

O tempo deu cabo para Nicasio Leal Pena aos 91 anos, e vaian estas liñas como homenaxe a súa persoa e por extensión, para a comunidade mariñeira á que el pertencía.

Exerceron «de corazón»

Nicasio, coma tantos outros, era desa clase de mariñeiros que exerceron o oficio ?de corazón?; empezando ao mar aos 12 anos, de cociñeiro e sen poder case coa pota, na que unha vez lle entrou un charpazo e non houbo comida para ninguén.

Co devalar dos anos, de mariñeiro pasou a patrón e logo a armador, propietario sucesivamente do Bellavista, un barco a carbón, do Nuevo Bellavista, a motor, e do espadeiro, Siempre Bellavista.

Del contábase que o mesmo traía o barco cargado de bonito como traballaba na terra (ao igual que facían outras familias de armadores como os Sueiras, os Cuiños ou os Pasarís, e tamén case todos os mariñeiros) e aínda tiña tempo para arranxar paraugas, afición pola que era moi coñecido. Bo tertuliano e fornecedor de historias, que explicaba feliz, como cómpre a todos os vellos lobos de mar, a quen quixera escoitalo, os lances da súa vida mariñeira.

«De Burela de toda a vida»

E por último, é preciso sinalar, para que non se enfaden os patróns, que ?era de Burela de toda a vida?, frase esta moi utilizada e que recolle a esencia de ser burelao polos catro costados e un pouco máis se cabe.

Ata sempre, amigo.

Herminia Pernas é historiadora e profesora.