«Aínda que pareza que todo me veu de cara, tiven que loitar moito»

A MARIÑA

Este fin de semana acadou tamén un segundo recoñecemento en Italia

30 nov 2015 . Actualizado a las 13:38 h.

A vocación pola música de Nicolás Gómez naval converteuse tamén en pasión. O músico viveirés acadou recentemente o primeiro premio do Concurso Internacional de Música do Conservatorio de Moscú, e neste fin de semana acadou o segundo premio do 15th Chieri International Competition, en Italia.

-Felicidades! Fáleme do concurso de Moscú, ¿foi duro??

- O de Moscú estivo xenial. O repertorio foi moi duro, moitas obras para cada rolda e moitas delas coa obriga de ser tocadas de memoria, o que require un traballo extra bastante elevado. Ademais eu teño unha memoria bastante mala polo que foi moi esixente para min. En todas as roldas tiñamos que tocar obras de diferentes estilos. Na segunda rolda había unha obra de nova composición, especificamente composta para o concurso e polo tanto foi estrea absoluta. Un dos premios que gañei foi á mellor interpretación desta peza o cal foi moi gratificante porque foi o propio compositor quen outorgou o premio. Por último, na final tivemos que tocar dous concertos con orquestra, primeiro Haydn e logo Glière, o cal é un compositor ruso moi apreciado alí, e cuxo concerto para trompa é moi esixente. Tamén me fixo moita ilusión o premio que outorgaba a orquestra ao mellor solista de todas as categorías, xa que nese competía con outros instrumentistas, non so con trompistas, e porque é un gran recoñecemento que unha orquestra enteira te vote como o mellor. Neste concurso de Italia, o funcionamento é similar ao de Moscú.

- Traballar na túa pasión a música. ¿Cómo foron estes anos?

-Non é traballo dun día nin dun ano. A carreira de musico é moi dura xa que se comeza moi novo e rematase oficialmente, se todo vai ben, aos 22 anos. Pero logo hai que facer audicións para acadar algunha praza nunha orquestra ou mesmo seguir estudando para ampliar o currículo. No meu caso particular, tiven a sorte de ganar un traballo sendo aínda novo xa que comecei a traballar en Estocolmo cando aínda estaba a estudar o máster, entón tiven que compaxinar ambas cousas. Logo veu a audición da Sinfónica de Galicia, que significaba volver á casa e nunha orquestra moi boa.

Pero aínda que pareza que todo me veu de cara, tiven que loitar moito e tropezar moitas veces para aprender dos erros e facelo mellor no futuro. O feito de saír do país para seguir estudando é tamén, en certo modo, un obstáculo xa que chegas a un sitio novo, sen referencias, perdido co idioma. A experiencia é moi boa e recoméndoa 100% pero tamén hai un momento de adaptación no que ao mellor non todo vai como se espera, no musical e no persoal.

-¿Cál é o seguinte reto?

-Despois de entrar na JONDE, a verdade é que todo veu de cara. O feito de poder asistir aos encontros desa orquestra, tocar repertorio sinfónico esixente e formarse cada vez cos mellores profesores, é un luxo para calquera estudante de música. Un par de anos mais tarde accedín á bolsa da EUYO e posteriormente á GMJO que son dúas das orquestras xoves máis importantes. O seguinte paso téñoo moi claro, é participar no ARD de Munich e intentar facelo da maneira máis digna posible. É por iso que estou facendo estes concursos agora, para coller experiencia e non facer o ridículo alí.

-¿Por qué a trompa por certo?

-Comecei con 8 anos no Conservatorio de Viveiro co profesor Delio Represas, ao que lle debo moito, non so como músico, xa que fixo un excelente traballo comigo, se non tamén como interprete e sobre todo como persoa. Inculcoume uns valores que hoxe en día aínda agradezo cando vou por aí adiante. E por suposto os inicios na banda de Viveiro foron tamén unha gran axuda en moitos aspectos. Teño que dicir que entre o Conservatorio, a banda e o tempo que estudaba na miña casa, non sacaba a trompa da boca! Non recordo moi ben por que escollín a trompa. Un día en Ribadeo meu tío Hernán ensinoume un póster dunha trompa e pode que aí comezase o meu amor polo instrumento. Logo recordo que escoitei un concerto da Banda de Viveiro no que tocaban algúns solistas, entre eles meu irmán Mateo que tería 11 anos. Tamén tocou Benjamín Iglesias, o concerto número 3 de Mozart se non recordo mal, e o son da trompa encantoume, ¡quedei abraiado!

nicolás g. naval músico de viveiro, premiado como intérprete en Moscú