Foz, de esmorga, xolda e foliada

XESÚS DO BREOGÁN, VECIÑO DE FOZ FORO PÚBLICO

A MARIÑA

19 nov 2015 . Actualizado a las 11:47 h.

Dise que en Galicia hai unhas cinco mil festas gastronómicas, pero o dato pode que se quede curto. Os galegos non só somos amantes da esmorga da troula e da foliada, senón que tamén somos amantes de xantar, pero de xantar moito e ben e é indiscutible de que Galicia é a dona por excelencia do bo comer e esa fama chega alá onde as fronteiras o permiten, sen ir máis lonxe, este mesmo verán, Vicky, unha asturiana que veu veranear aquí, confesoume que non podía vir a Foz porque en só quince días engordou trece quilos, ou a madrileña Pilar, que me asegurou que en oito días engordou cinco quilos.

En Foz trabállase, ¡como non!, pero tamén nos gusta vivir a vida, e somos amantes das festas, pois véxanse a Festa do Chícaro, San Brais coa festa dos callos e o pan do santo, o Entroido, a Rota das Tapas en Semana Santa, o Bispo Santo (gastronómica en estado puro), o Carme, San Lourenzo, Festa da derrota normanda, churrasco e queimada en Marzán, chicharro lañado no día da Patria, e a isto hai que engadirlle as variadas festas que teñen as outras oito parroquias ou núcleos de poboación.

Pero é que aquí en Galicia, calquera desculpa nos sirve para xuntarnos arredor dunha mesa e papear sen tregua. Veremos; en Foz, para organizarse os rapaces para a Festa da derrota normanda ou para organizarse para a festa do Bispo Santo ou para Entroido, o primeiro que se fai é «temos que xuntarnos para organizar tal festa, o día tal, no restaurante tal e cearemos tal» (a cea nunca falta). Unha vez organizados, esperan á bíspera da festa na que se fai outra cea, e o mesmo día da celebración, pois tamén hai que facer cea, porque sen papeo, non é festa.

E como somos amantes da rexouba, coido que para os de Foz aproxímanse tempos de moita pándega nos dous primeiros meses do próximo ano 2016 (se a saúde o permite e os petos o resisten).

Fixádevos ben: primeiro pensade que acabamos de saír do Nadal, e sen variar o calendario, chegamos ao aninovo na primeira semana de xaneiro; na segunda semana, temos os Reis Magos do Leste; a terceira semana, farase a Festa do Chícaro; a cuarta semana celebrarase a cea baile de Entroido; a quinta semana celebrarase a Festa de San Brais (hai que ir comer os callos); logo pasamos a febreiro, o día tres mércores, ou sexa, a primeira semana, temos aínda o día grande de San Brais (hai que comer o bolo de San Brais), e o sábado, desfile de Entroido, e acto seguido na seguinte semana, martes de Entroido e o sábado, final de festa coa queima do moneco e queimada; e para rematar, para aqueles que teñen parella, xa saben que teñen cita con ela no restaurante «tal» o domingo día 14 da segunda semana dese mes, porque é o día de San Valentín.

Agardando que os meus datos festeiros non confundan o programa das distintas organizacións, xa que son eles e non eu, os que teñen a última palabra.