Nos Muíños tamén dicimos ultreia

FRAN BOUSO

A MARIÑA

29 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

De toda a vida, penso que cando menos desde a Idade Media, os Muíños (barrio mindoniense tradicionalmente artesá, de extramuros) ten unha capela adicada a Santiago, algo que xa establece certa relación co mundo xacobeo.

Non debemos esquecer que a calzada romana entra e entraba no casco urbano mindoniense polo citado barrio e que esta era a principal vía de comunicación co interior da Península, incluso agora a Autovía da Néboa pasa xusto por riba da calzada á altura do Balcón de Mondoñedo (viaduto bautizado por Paco Piñeiro).

Tendo en conta estas dúas particularidades e tamén os coñecidos versos de Machado que nos falan da inexistencia dos camiños, podemos supor que ao longo das épocas de esplendor das rutas xacobeas, previas ao século XX, foron moitos os peregrinos que empregaron a ponte do Pasatempo ou a dos Ruzos (que é a mesma, o nome varía co tempo) para salvar o río Bría, Brea, Valiñadares, Ares ou Vello (que lle pasa o mesmo que á ponte en función da época, o contexto ou as fontes).

Neste novo milenio, os Muíños terán frechas marelas e boa proba disto é a participación nunha peregrinación simbólica do Presidente da Xunta e do Conselleiro de Cultura, xunto con outras autoridades entre as que destaca a Alcaldesa de Mondoñedo e Presidenta da Deputación Provincial de Lugo, peregrinos e veciños, hoxe mércores. A andaina comezará ás doce do mediodía no Couto de Outeiro e levará aos camiñantes ata a Catedral, a de Mondoñedo.

Algúns peregrinos que fagan camiño polos Muíños ben seguro que terán a sorte de atoparse con Xosé Ruiz Leivas, mindoniense a tempo completo e gran coñecedor do presente, pasado e futuro do barrio e, se lle tiran da lingua, moito poden aprender. Outros, se cadra, cadran con Xe Freyre e terán a ocasión de ser ilustrados sobre calquera particular referente a Mondoñedo, é autor da guía Mondoñedo, da colección Everest. As conversas serven para apagar a sede de coñecemento e para o intercambio de pareceres e neste tramo da ruta o camiñante pode refrescarse na fonte do Sapo ou na dos Pelamios. Outro tipo de refresco e algo de comida pode conseguila na Taberna do Valeco, continuadora da gran tradición hostaleira coa que conta o barrio, con taberneiros tan destacados coma Póngalas (de quen tanto ten falado Cunqueiro) ou de Arias (merecente sucesor da coroa británica). A tradición artesá de oleiros, zoqueiros, titiriteiros, fotógrafos, pintores, muiñeiros e demais ten continuidade nos tempos de hoxe nos diferentes obradoiros e museos que hai ao longo das diferentes canles que fan do barrio unha illa, a Venecia mindoniense, como alguén ten dito ou comparado.

Os amantes da poesía poden atoparse con Díaz Jácome, nos Pelamios; os melómanos e siareiros do Barça con Lodeiro Piñeiroa, prolífico compositor que fixo o primeiro himno oficial do F. C. Barcelona e, se o vagar é suficiente, ben seguro que, deixándose engaiolar por algún veciño, os camiñantes poden escoitar máis dunha anécdota curiosa de personaxes que algún día deron vida ao barrio, coma Pancho de Martín, Pepe de Pernas, Rosendo de California ou Espinete.

Estou seguro de que os peregrinos que pasen polos Muíños han de saber parar e beber de todo o que ofrece o barrio. Se me ves polos Muíños, saúdame sempre. Ultreia.

opinión