Noite de San Xoan

SUSO FERNÁNDEZ, CRONISTA OFICIAL DE FOZ OPINIÓN

A MARIÑA

21 jun 2015 . Actualizado a las 12:35 h.

O vello ritual vai ter, na noite do luns, unha nova edición e, da xeografía urbán, e da rural, rubirán ó ceo as chamas da ancestral cirimonia, engarzada nas mais devanceiras costumes da nosa terra. Conta a tradición que en grande parte das fontes vivían os encantos e as fadas; virxes, doncelas, donas e lavandeiras.

Por iso a auga, como o lume purificador, son elementos protagonistas na noite de San Xoan, ós que se recoñecían virtudes curativas para os males do corpo e da alma.

Lavarse con auga perfumada

Da lonxana adolescencia, gardamos memoria da fogueira que cada ano ardía no lugar do Cristo, en Marzán. Antes, os veciños carrexaran, nos carros labregos, madeiras dos montes e os tanocos das berzas, así como silveirais de camiños e congostras, que segaban, para ser queimados na noite máxica do 23 de xuño. O acordeón de José da Morena, o cego, ou o de Plácido Val, poñían o contrapunto musical naquela xuntanza que congregaba ás xentes. Pero antes cumprirase outro ritual: deixar ó sereo un recipiente de auga con flores para, á mañán, lavarse coa auga perfumada, á que se atribuían propiedades terapéuticas.

O amor

O amor facíase presente e as mozas saltaban as chamas, decindo: «Salto por enriba/ do fogo de San Xoan/ para que non me roa/ nen cobra nen can» Se no brinco libraba das lapas era sinal de casamento dentro do ano: pero se as rozaba, esvaecíase a ilusión do casoiro, en tan curto prazo.

Como tantas tradicións, a noite de San Xoan perdeo o encanto poético de antano: non se deixa a auga coas flores ó sereo, e se as rapazas saltan a fogueira é mais para amosar a súa forma atlética que para saber a data do casamento?

Anaco para a nostalxia

Á luz do lume, entre o bulidoiro xolgorio das xentes, ledas e festexeiras, haberá un anaco para a nostalxia porque «¿Quén pode esquecer de vello/ os seus tempos de rapaz?/ ¿Quén pode esquecer a noite, a noitiña de San Xoan / co seu séquito de bruxas,/ fogueiras, baños de mar/ augas de rosas, parranda, bailes e aínda mais? ....»