Curiosidade

XESÚS BASANTA

A MARIÑA

24 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta anécdota que vou a contar non é nin unha queixa nin unha protesta, tan só é iso, unha curiosidade.

Estes días recibín a visita dunha amiga que facía anos que non nos viamos e para charlar unha quenda e lembrar vellas historias da nosa infancia, entramos nunha cafetería de aquí de Foz. Eu pedín un ribeiro, polo que a camareira púxome unha copa, colleu a botella e serviume o viño. A miña amiga pediu unha infusión de macela e aquí ven o principio da miña curiosidade, pois nunca me fixara nese detalle. Para facerlle a infusión utilizou unha cunca e un prato, unha teteira e outro prato, unha culler, o sobre coa macela, outro sobre para o azucre e un lisco de limón. Unha vez servida a infusión, a camareira preguntoulle se quería unhas gotas de anís, cousa que rexeitou. Logo ofreceunos unha tapa, por certo, riquísima, e a miña amiga tamén comeu, pois tomaba a macela porque tiña que conducir e non por estar mal do estómago.

O tempo pasou voando

A conversa entre nós, fixo que o tempo pasara voando, pero antes de despedirnos tomamos outra consumición. A min botáronme o viño na mesma copa (normal), pero á miña amiga tiveron que poñerlle todo de novo: Cunca, prato, teteira, prato, culler, infusión, azucre, limón e a auga quente. De novo ofrecéronnos tapa que aceptamos.

Logo despois, pedimos a conta e nos cobraron 4 euros en total, ou sexa, un euro por consumición, o que me fixo pensar que ou moi barata é a macela ou moi caro é o viño. Explícome: Cando todo o que consumimos entre a miña amiga e eu foi ao lavabaixelas, hai que pensar o seguinte, que polos dous meus viños só tiveron que lavar unha copa, mentres que pola miña amiga tiveron que lavar catro pratos, dúas cuncas, dúas teteiras e dúas culleres.

Tamén me fai pensar no barato que é un café, máis ben polo traballo que da facelo que polo contido del, pois agora co café ata che dan unha galleta, que está riquísima, e o café custa tamén un euro.

Seguro que ten unha explicación

Cando nun comedor dun restaurante se enche de xente, á hora da sobremesa, case se precisan dous camareiros para facer cafés para uns poucos comensais: Que si café só, café só corto, café só longo, con leite, cortado, descafeinado de máquina, descafeinado de sobre, cámbiame o azucre por sacarina, bótame unhas gotas, té, macela, etc. Fixádevos ben no tempo que se tarda en facer un café e o que se utiliza para facelo, café, azucre ou sacarina, cunca, prato, culler e galleta. Logo por se fora pouco, lévancho á terraza e nalgúns locais non che cobran o desprazamento, e ti en recompensa, botas as cabichas do cigarro dentro da cunca ou do prato por non molestarte en ir a por un cinceiro.

A cuestión está en que eu non sei se a macela é barata ou se o viño é caro, o que si sei é que comparando o servicio, o custe é discriminatorio. Estou seguro que ten unha explicación, pero nunca ma deron.