«Este ano hai máis petición de disfraces Disney que nunca»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / LA VOZ

BURELA

Feli, á dereita, e Loli, á esquerda, están á fronte dunha tenda que abre especialmente para Antroido.
Feli, á dereita, e Loli, á esquerda, están á fronte dunha tenda que abre especialmente para Antroido. p. l.< / span>

O establecemento de Burela reabriu despois de Nadal para vender de cara ao Antroido

01 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás irmás Feli e Loli García Quelle é moi doado atopalas estes días na tenda de Perona en Burela que abriu hai uns quince días, para satisfacer as demandas dos máis antroideiros. Venden xa os disfraces que logo veremos nos desfiles ao longo e ancho da Mariña ou outras comarcas. Falamos coa primeira sobre as claves deste cada vez máis preto Antroido.

-¿Algún cliente se interesou por ir de Pequeno Nicolás?

-Nin un me preguntou por el. ¡Nada de nada! Está o mundo moi cheo desas cousas. Sen embargo, este ano hai máis petición de disfraces Disney que nunca, e para todos. Ata aos rapaces lle vale ir de Brancaneves... Tamén se levan os superheroes. Seguimos na mesma tónica en canto a disfraces.

 

-¿Nin Pablo Iglesias?

-Nada, ninguén se lembra da política. Creo que están saturados e a xente quere esquecer certos temas. E iso que di Rajoy que estamos mellor, que se activa o consumo...

 

-Entón, aínda que estamos comezando, ¿como van en vendas a estas alturas?

-Hai actividade, ben. Incluso podo dicir que vexo máis actividade neste principio que no principio da temporada do ano pasado.

 

-Hai ganas de carnaval, logo.

-Si, hai ganas.

 

-¿En que liña de prezos poden oscilar os disfraces?

-A media anda sobre 20 euros, aínda que os hai de menos e tamén de máis, de 60 ou 70 euros.

 

-Nos últimos anos, Perona propón un disfraz colectivo concreto para o desfile en Burela. ¿Cal será o tema este ano?

-Bombeiros. Viñeron hai pouco por un gato que había nun ático e houbo que subir escaleira e como, máis ou menos lle levaba dando voltas ao catálogo, pensei nesa proposta. Elexir unha é complicado porque ten que haber moitas tallas distintas, ten que ser económico e de abrigo. Outros anos foron os de galiñas, indios, pinguíns... O dos paiasos tamén fora bonito. Sempre buscamos algo de cor, porque ao non facer baile nin levar música ten que ser algo que chame a atención e para que se faga bulto.

 

-¿Aumenta o disfraz familiar?

-Cada vez máis e se che traen bebés de tres meses... ¿como os vistes? Ou veñen grupos de dez e doce persoas para vestilos todos iguais. Cando se fai con tempo si, pero se non.... A verdade é que se pasa mellor en grupo.