A Deputación destina 630.000 euros para axudas ao deporte

e. m. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

500.000 van directamente destinados a equipos e clubes deportivos de base e 130.000 van dedicados a colaborar cos concellos

31 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A xunta de goberno da Deputación Provincial aprobou onte as bases para a concesión de axudas a clubes deportivos e concellos da Mariña e do resto da provincia en réxime de concorrencia competitiva. En total destinaranse 630.000 euros para a promoción do deporte, dos que 500.000 van directamente destinados a equipos e clubes deportivos de base e 130.000 van dedicados a colaborar cos concellos.

O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Deportes, o nacionalista Antonio Veiga, explicaba que «pese á crise, mantemos as mesmas cantidades do ano pasado porque nin os clubes de base nin as persoas que practican deporte na provincia de Lugo non teñen culpa ningunha desta crise».

As bases polas que se concederán estas axudas sairán publicadas nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia. Desta maneira o prazo para solicitar estas axudas estará aberto dende o 9 de febreiro ata o 9 de marzo.

«Nós -sinalaba Antonio Veiga en rolda de prensa posterior á xunta de goberno- mantivemos durante estes últimos catro anos as axudas e a intensidade das mesmas, tanto aos concellos como ás entidades sen ánimo de lucro da Mariña e da provincia. En total, 2.520.000 euros como suma das últimas 4 anualidades, distribuidos en máis de 600 axudas por ano pertencentes a tódolos concellos da provincia, o que permite que se realicen actividades vinculadas a máis de 50 modalidades deportivas que abranguen desde fútbol ou baloncesto até outros con menos participantes como pode ser o ácuatlon, o billar ou a ximnasia rítmica», explicaba Antonio Veiga.

«Ademáis hai que sumar 1.200 axudas a asociacións culturais e clubes deportivos concedidas por esta área de Cultura e de Deportes: en Cultura e no Deporte destinamos 5 millóns de euros nesta lexislatura. Somos o verdadeiro sostén de todo este tecido asociativo», destacou Veiga.