Tamara García: «Foi un escarmento a un comité incómodo, e ao sindicalismo»

M. G. B. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Analiza en 250 páxinas o que aconteceu coa chegada dos bidóns do buque casón en 1987 a Alúmina-Aluminio

15 dic 2014 . Actualizado a las 05:06 h.

Ás 9 da mañá do 12 de decembro de 1987 empezou o maior conflito social, laboral e sindical que viviu a comarca, coa chegada dos bidón do buque panameño Casón ás portas do complexo industrial de Alúmina Aluminio. Tamara García presentou na sede do actual comité da fábrica de San Cibrao o libro As inxustizas do Casón que trata de dar luz a uns feitos con moito tranfondo político e económico, e que cargou a respondabilidade do que aconteceu únicamente nos 23 membros do comité de empresa de entonces. ¿Como unha evacuación pactada pasa a ser catalogada como folga ilegal e ata sabotaxe das instalación? E o pimeiro de todo, ¿como é que os bidóns do barco embarrancado en Fisterra, supostamente tóxicos, acaban percorrendo media Galicia ata chegar ás portas da factoría mariñán?. «Para min era moi importante que a primeira vez que o libro vise a luz publicamente fose onde hai 27 anos comezou todo. A pena foi que non se puidese ter feito cando se cumpriu o 25 aniversario», di a autora do libro.

-¿Canto lle costou sacar o libró á rúa, e que sensacións ten?

-Moito. Non houbo moitas trabas unha vez que atopei editor pero foi un duro traballo, houbo moitos recortes na cultura por parte da Xunta. Nestes momentos, despois de ver aos membros do comité estou moi orgullosa, por ver as súas caras de satisfacción. O traballo foi agora de catro anos e é unha alegría, sobre todo de cumprir a promesa que con 16 anos lle fixen ao meu pai de que cando me vise con forzas escribiría o libro sobre o que sucedeu realmente no ano 1987 na fábrica onde el traballaba.

-¿Que lle dixo seu pai, que é ademais un dos 23 sindicalistas despedidos? ¿E que foi o máis difícil á hora de elaboralo?

-Foi o primeiro en leelo, e non tardou nada. Eu dicíalle, ¿pero non tes xa o libro lido e relido? Gustoulle e volveu emocionarse, creo que igual que os seus compañeiros. E o máis difícil foi asimilar toda a información. Porque eu non coñecía nin aos personaxes políticos da época, entón tiña 3 anos, e tampouco o sistema. Porque non é como o de agora, eu non sabía o que era unha gobernación, e todo estaba duplicado. E ler as sentenzas, porque non queda moi claro por que os condenan realmente.

-¿E que conclusión saca?

-Que foi unha gran inxustiza, unha forma de darlle un escarmento ao sindicalismo, porque naquel momento empezaban a ser molestos non só nesta factoría, senón tamén no resto de España. Os obreiros pedían as melloras que eles merecían porque eran os que estaban a traballar.

Juan Vila, secretario do comité despedido, dicíame que eran incómodos polo que estaban a sacar á luz eles concretamente.

-Si, eran un comité incómodo. Xa antes do conflito no 87 foran a Madrid a facer varias denuncias sobre o que se estaba facendo na fábrica. E eles pedían melloras para a plantilla que había noutras fábricas da mesma empresa (entón Inespal), pero que non as tiñan en San Cibrao.

-23 nomes e 23 historias, ¿cal foi a que máis lle impactou?

- Conseguín entrevistar a todos eles, agás a un, que non fun capaz de contactar (Gómez Gómez) e dos dous falecidos, Casimiro Val e Barreira Quelle, falei coa filla e coa muller, respectivamente. Hai xente en Perú (o que foi presidente), en Venezuela, en Canarias, tres en Madrid...Impactan todas as historias, pero sobre todo o testemuño que dan quen tiña fillos de 14 e 15 anos, que realmente o sufriron na escola, na súa vida, que estaban estigmatizados, e non sei se esa sería a palabra, pero o pasaron mal. Eu tiña tres anos, non me acordo de nada, pero dá pena que aínda encima a sociedade estigme aos fillos de quen foron vítimas.

tamara garcía garcía autora do libro «as inxustizas do Casón»

O sábado día 20, as 19 horas, será a presentación oficial do libro en Viveiro, no salón do Concello