Coidado dos pobos: Foz

SUSO FERNÁNDEZ, CRONISTA OFICIAL DE FOZ

A MARIÑA

10 dic 2014 . Actualizado a las 13:08 h.

No ano 1960 (¡hai máis de medio século!), o Concello de Foz gañara o primeiro premio no concurso provincial «Cuidado y embellecimiento de los pueblos» que, dotado con dez mil pesetas, patrocinaba o Gobernador Civil; un recoñecemento ó esforzo por manter un pobo limpo, acolledor, nun entorno pulcro a favor da convivencia dende o respeto ás persoas e ós elementos, materiais e inmateriais, no discurrir da vida cotiá. Daquela as prazas e rúas lucían un aspecto de esmerada limpeza, e as froles e plantas, espalladas pródigamente pola xeografía vilega, ofrecían a imaxe dun grande xardín urbán; a tal punto que o enxeño popular aplicara ó alcalde de turno (Pepe Beltrán) o apelativo garimoso de Pepe dos tarros.

Editábase entón en Foz a revista A Rapadoira que no número de setembro do devandito ano insería unha conversa con Germán López Cao, focego de ampla cultura, que levaba seis anos emigrado en Liberia; naquela Embaixada Americana desempeñara diversas funcións.

Preguntado qué fora o que á volta mais o impactara, respostou: «Foi o atoparme o pobo regado de froles en macetas ó alcance dos rapaces, sen que unha soa sexa molestada, nen tampouco os xardíns, que é incríble que brotaran en tan curto espazo de tempo, con verdadeira protección por parte de todos. Servan estas miñas verbas como definición do grao de educación, cultura e sensibilidade dos focenses».

Ambos episodios levan a considerar que non sempre os comportamentos e as actitudes de gobernantes e gobernados foron iguais, pois hoxendía tiñamos a remota esperanza de que as abondosas choivas desta tempada fosen quen de afastar de entre os pés a merda canina que xenerosamente invade prazas e vías públicas, para tormento da veciñanza que as padece a cotío, e escándalo de visitantes, aos que se obriga a percibir tan noxenta presenza, que se engade ó cheiro abafante do «efecto depuradora» que hai máis dunha ducia de anos mentes pouco sensibles nos endilgaron en paraxe acaso o mais ricaz ecoloxicamente da beiramar focega e cos resultados de todos coñercidos. E así... ¿ata cándo?