A voltas co cine en Mondoñedo

FRAN BOUSO MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

FRAN BOUSO

Lembranza da celebración do centenario da chegada do cinematógrafo á cidade

24 nov 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Estes días estamos celebrando efemérides moi destacadas do cine galego (25 anos da estrea de tres longametraxes en galego e de producción galega: Sempre Xonxa, Continental e Urxa) e tamén do cine global (25 anos tamén da estrea dun dos grandes títulos da historia da filmografía universar: Cinema Paradiso) e, para rematala, esta semana a Editorial OQO mandou ao colexio no que traballo unha animadora cultural para falarlle ao alumnado sobre a historia da imaxe en movemento que en definitiva é a historia do cine.

Todos estes feitos leváronme a lembrar aqueles anos de finais dos noventa e comezos do novo século e milenio no que, case sen querer, estiven tan vinculado ao séptimo arte. Unha vez máis o detonante foi unha efeméride destacada da historia de Mondoñedo: Entereime de que fora na Cidade da Paula o primeiro lugar da provincia de Lugo onde se proxectara unha película empregando o aínda quente invento dos irmáns Lumière. Este feito tivo lugar a finais do mes de abril do ano 1899.

Pouco antes das feiras e festas das Quendas de 1998 ao tempo que se celebraba en Mondoñedo un encontro mundial de malabaristas, publiquei nun xornal un artigo lembrando a efeméride e chamando a atención para organizar algo de cara á súa celebración nas mesmas datas do ano seguinte. A miña iniciativa surtíu efecto e mentres estaba presenciando un dos espectáculos organizados con motivo do encontro de malabaristas nos baixos da Praza de Abastos sentín como alguén moito máis alto ca min me puña a man no ombreiro para chamar a miña atención. Era Javier Loira, daquela Alcalde de Mondoñedo. Comentoume que lera o artigo, que non deberiamos de perder un segundo e iniciar os preparativos para celebrar como se merecía efeméride tan destacada. Así foi. A maquinaria imaxinativa púxose a traballar e non tardamos en deseñar un programa moi ambicioso e o máis importante contabamos con moito tempo para poder perfilalo ben pois un ano, nestas cousas, da para moito.

Ao longo dese tempo descubrimos un filón: Victoriano López García, enxeñeiro industrial mindoniense fora unha persoa moi destacada no mundo do cine en España. Na IV edición dos premios Goya (os Óscar do cine español) recibiu o Goya de honra en recoñecemento a toda unha vida adicada ao cine.

Victoriano ingresou na Subcomisión Reguladora da Cinematrografía en marzo de 1940 co cargo de xefe de sección de materias primas e laboratorios. Cando se disolveu esta subcomisión, pasou ao Servizo de Ordenación Económica da Cinematografía, sendo designado subxefe do servizo e xefe da sección de industria tal e como se publica no B.O.E. do 12 de xuño de 1952. Tempo máis tarde desempeñou o cargo de xefe de créditos e secretario técnico do Instituto Nacional de Cinematografía, xefe de mercados cinematográficos e de subvencións.

Ao inicio dos anos corenta do pasado século inicia a súa labor como docente nun curso de cine organizado pola Escola Especial de Enxeñeiros de Madrid e a finais desa década fundou e dirixiu o Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas (I.I.E.C.), que posteriormente se pasaría a chamar Escola Oficial de Cinematografía. Foi profesor de destacados directores como Luís Garcia Berlanga, José Luís Borau, Juan Antonio Bardem, Carlos Saura, entre outros.

Tivo tempo tamén para fundar e dirixir a revista Cine experimental, coa cal editou onde números no ano 1945. Técnica del cine sonoro, en color y relieve, Lecciones sobre cinematografía, La industria y la producción de películas, La industria cinematográfica española, Electroacústica, Acústica ou Chequeo al cine español son algúns dos tratados que publicou o mindoniense.

Contar con Victoriano, aínda que xa pasase o seu pasamento, daba folgos para continuar traballando e facelo para tentar que o acontecemento tivese gran repercusión. Non nos cortamos á hora de marcarnos obxectivos moi altos, tal é así que ata convidamos á que daquela era presidenta da ?Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España?.

Aitana Sánchez-Gijón

Dixérame Javier Loira: ?escribe unha carta para mandarlle a Aitana Sánchez-Gijón para convidala a participar nas Xornadas de cine en Mondoñedo?. Así o fixen e a actriz tivo a ben recibirnos en Madrid para falar do asunto. Incluso aceptou, pero claro, unha rodaxe imprevista nas datas de celebración das xornadas impediu finalmente que a estrela do celuloide se achegase a visitarnos. Á xente do cine quédanlle moi ben estas escusas, eu por exemplo non podería escusarme dicindo algo así como «é que non podo porque teño que segar a herba».

Foi pasando o tempo e o abril de 1999 xa estaba a piques de rematar cando se iniciaron as Xornadas 100 anos de cine en Mondoñedo. Conferencias e mesas redondas celebradas nas aulas do Seminario Santa Catarina xunto con proxeccións cinematográficas completaban un programa no que participaron músicos como Nani García; críticos, directores, productores como Pepe Coira ou Eduardo Galán; especialistas en vestiario de cine tan destacadas como Asumpta Serna e outros moitos profesionais e especialistas vinculados ao séptimo arte.

Pero a mesa redonda de máis interese e trascendencia foi a que se celebrou o mércores e que trataba sobre o cine en Mondoñedo. Taquilleiras, acomodadores, proxeccionistas, responsables de ambigú, extras e outros profesionais vinculados ao cine mindoniense compartiron as súas experiencias e anécdotas nunha mesa redonda á que eu non puiden asistir pois tivera que levar ao aeroporto de Santiago a Asumpta Serna para que poidese voar a Madrid.

O mesmo día do Pregón das Quendas, uns minutos antes, remataban unhas xornadas. Como punto e final estaba programada unha mesa redonda na que tiña que intervir Dionisio Gamallo Fierros para falar de Victoriano López Garcia.

A hora da conferencia xa se aproximaba e o Sr. Gamallo Fierros non aparecía por ningunha parte. Alí estaban os fillos de Victoriano expectantes para oír falar de seu pai e Dionisio que non aparecía.

Colleume Javier Loira polo ombreiro e levoume para a sala do lado, estábamos no Seminario e díxome: «tés que dar ti a conferencia».

Eu coordinaba as xornadas e a exposición que sobre a historia do cine en Mondoñedo había na Sala de Exposicións da Biblioteca na que había libros de Victoriano López e unhas notas biográficas que plasmara nun mural coa axuda de Alicita Puchades e a súa filla, Aly e ben, algo sabía e algo recordaba, pero non como para poñerse a falar dunha persoa e menos diante de xente que o coñecía tan ben coma os seus fillos. Pero outro remedio non houbo. Esta é unha anécdota máis daquelas experiencias pero, sen lugar a dúbidas, a que máis me enriqueceu é a que lles paso a relatar acontinuación.

Para proxectar as películas, o alcalde e o seu grupo de goberno decidiran que había que mercar un proxector de cine. Daquelas pechara o Cine Yago, de Santiago de Compostela. Co mandato do alcalde, con pouca experiencia (pois pouco pasaba dos vinte anos) e moita decisión comecei unha negociación para mercar para o Concello de Mondoñedo o proxector de cine daquela sala en desuso, pero as negociacións non deron os seus froitos e finalmente mercouse un aparato de segunda man e todo o equipamento complementario (rectificadora, aparellos de montaxe, diferentes cadros e lentes, bobinas, pantalla de sete por catro metros...) á empresa Sercine, de Salamanca. Se a memoria non me falla invertíronse dous millóns das antigas pesetas.

Eu aconselláralle ao alcalde mercar un videoproxector, que xa os había, pero o rexedor non aceptou a opción pois a calidade das proxeccións non sería a mesma e o romanticismo das mesmas tampouco acadaría o nivel por moitos bicos que se deran na gran pantalla.

Cando os operarios de Sercine viñeron a Mondoñedo montar o aparello que mercara o Concello dixéranlle a dous funcionarios municipais que deberían acudir ao Seminario para aprender a manexar a máquina e montar e desmontar as películas e todo o que fose necesario para encargarse das proxeccións. As persoas en cuestión non acudiron ao «cursiño de formación» entón fun eu con moitas ganas de aprender. E así foi: presenciei todo o proceso de montaxe do proxector na cabina do Cine do Seminario, explicáronme como se montaban as películas e monteinas; ensináronme a proxectar, e proxectei; cambios de cadros, adecuación das lentes, encadres... En tres días convertinme nun proxeccionista de cine, non me quedou outro remedio pois os técnicos marcharon e as proxeccións tiñan que seguir.