«Queremos gañar máis socios na ACIA de Burela»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

A nova directiva presidida por Pinín estréase organizando a campaña do Nadal

19 nov 2014 . Actualizado a las 11:00 h.

O hostaleiro Rubén Pinín González (Ferrol, 1977) é o novo presidente dos case 180 socios que integran a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (ACIA) de Burela. Sucede no cargo a Pedro Fraga. Pinín González preside unha directiva formada por outros seis profesionais dos sectores da hostalería, do comercio e da perruquería; pequenos empresarios de distintas idades: «Cremos que todo o mundo debe e pode aportar». Os novos directivos xa fixaron para hoxe a primeira reunión.

-¿Como afrontan esta nova etapa?

-Fáltanos por concluir con algún papeleo, pero a nova directiva xa asumiu o luns as rendas da ACIA. Afrontamos este reto con moitas gañas de continuar coa labor tan boa que fixo a anterior directiva. Intentaremos manter as campañas que eles puxeron en marcha e tamén está entre os nosos obxectivos apostar por cousas novas. Un dos obxectivos que nos propoñemos é que os socios sexan máis participativos. Nós integramos a directiva, pero o peso está nos asociados. Queremos que asistan máis ás reunións, que participen de forma máis activa, que aporten ideas e suxerencias...

-¿Xa teñen algún acto organizado dirixido aos socios?

-Mañá (por hoxe) temos unha reunión da nova directiva. E a partir de aí, queremos informar a todos os asociados do cambio e tamén os queremos convocar para unha reunión na que iniciaremos os preparativos da campaña do Nadal. Aproveitaremos para presentar a nova xunta directiva.

-¿Teñen previsto facer algunha campaña para incrementar o número de asociados?

-Tamén o temos pensado. Cremos que é un bo momento para dar a coñecer a asociación. Queremos gañar máis socios. A ACIA, aínda que é un colectivo novo, é unha asociación importante, de moito peso.

-¿Quen integra con vostede a xunta directiva?

-Cando se celebrou a reunión non presentamos unha candidatura cerrada, senón que fomos sete persoas as que de forma individual manifestamos a nosa intención de formar parte da directiva. A vicepresidenta é Belén Expósito Blanco; a secretaria, María Isabel López Ben; a tesorera, Marta Basanta Fernández e, como vocais, Luis Fernández Balseiro, Ana María López Oca e Ana Rodríguez Nogueira. É unha candidatura integrada por hostaleiros, comerciantes e profesionais de perruquería.