«A miña lóxica é buscar outros lugares, outras horas»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Álvaro Ballesteros

Coa súa Xira de Outono 2014, convida a disfrutar da música en espazos diferentes, hoxe na Casa de Mañas

15 nov 2014 . Actualizado a las 18:38 h.

Nun dos seus últimos concertos, unha persoa do público díxolle que estaba alí non tanto pola música senón porque «o que máis me gusta é dicir o que pensas». «Esa labor do cantautor creo que son capaz de trasladala», di o compostelán Xosé Constenla que hoxe visita Mondoñedo coa súa Xira do Outono 2014.

-Propón levar a música a espazos «diferentes». Hoxe será na Casa de Mañas, ás 21.00. ¿Cansou de auditorios e outros quizáis?

-A música non so soa en auditorios ou teatros. O tipo de música que fago, de autor, que necesita tranquilidade e silencio se leva relativamente mal cos bares e cafeterías. A miña intención é trasladar a miña música e as miñas letras a espazos que normalmente non son aqueles nos que se soen facer concertos e ahí entran, por exemplo, casas de turismo rural. Toquei nunha cooperativa e en tendas de comercio xusto e ahí entran todos os públicos, dende nenos moi pequenos ata xente maior. Esa é a lóxica, a de buscar outros espazos, outros lugares e outras horas.

-Algo máis habitual noutros recunchos europeos, por certo, como co tema do horario.

-Teño feito moitos concertos ás doce e media da noite ou ás once da noite, horas intempestivas pero moita xente non pode acudir. Ata niso parece que vamos algo atrasados con respecto ao resto de Europa. As nove da noite é unha hora en que a xente deixa de traballar e pode vir a pasar un rato agradable. Eu son un sumatorio de bondades, porque de nada serve que teña moi boa guitarra e boas letras e cancións se non hai complementariedade e reciprodicade por parte do público, parece que quedas coxo. Todos sumamos.

-Escribir, ¿é a súa terapia?

-A nivel artístico nin a música pode estar por encima da letra nin ao revés, teñen que converxer. Os que temos a necesidade vital de escribir temos un cadro clínico complexo. Para tranquilizarnos, escollemos a música. Escribes para expresar o que ves na realidade e para min o importante é que me emocione, dende unha cousa moi pequena, un recuncho do país que te traslada, ata inxustizas sociais(...) O noso oficio se remonta á epoca medieval, que era a época dos xograres e trovadores.