A morte de Orfeo

LUCÍA SÁNCHEZ MEITÍN

A MARIÑA

21 oct 2014 . Actualizado a las 12:41 h.

Onte pasei polo cine Orfeo de Viveiro. Entre rexas e rendido, coma un reo que agarda a súa sentenza de morte, de demolición no seu caso, non logrei continuar camiñando coma se nada. Pareime fronte a el e, inspirando con forza, adiqueille una mirada respectuosa, reverente, cunha brincadeira de tristura no peito, coma en calquera despedida. Din os arquitectos que a importancia dun edificio está relacionada co valor da súa función para os habitantes dun pobo. Con esta idea ocórreseme que esta semana vai desaparecer un dos edificios máis importantes de Viveiro. Canto non teremos soñado nas súas butacas cor burdeos namentres nos envolvía a escuridade da sala? Pode haber misión máis loable ca de alimentar os soños dun pobo?

Así que, se estes días pasan por Viveiro non marchen sen despedirse, sen adicarlle un adeus ao Orfeo, porque, coma o personaxe mitolóxico do que toma o seu nome, está a piques de ser despezado. Aquel namorado que conmoveu aos deuses cos seus cantos, para descender ao mesmísimo inferno na procura da amada, e que por moi pouquiño non logrou a felicidade coa súa Eurídice. O Orfeo do mito non calculou ben o tempo, e ao noso Orfeo esgotóuselle. Agarda a saída do sol á beira do río Landro, namentres chegan as máquinas de demolición para despezar o seu corpo rendido.

Os mundos que alí descubrimos

Compadezámonos coma fixeron as musas, e enterrémolo na memoria inmortal, nun lugar ben iluminado polo sol dunha alma nutrida de soños. E cando camiñemos polo paseo marítimo perfectamente nivelado, falémoslles aos nosos fillos dos mundos que alí descubrimos, das aventuras que corrimos, e de como nos namoramos naquel lugar onde un día houbo unha sala escura de butacas cor burdeos, á que lle chamaban Cine Orfeo.