A Deputación apoia con 123.000 euros As Catedrais como parque natural

s. c. RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

18 oct 2014 . Actualizado a las 15:15 h.

A Deputación de Lugo apoia con 123.000 euros a petición do Concello de Ribadeo para que tanto a praia das Catedrais como toda a franxa litoral ribadense sexan declarados Parque Natural.

A xunta de goberno da institución provincial aprobou onte á mañá un convenio excepcional co Concello de Ribadeo que supón unha achega de 59.700 euros este ano e 64.164 no 2015 para emprender un programa de actuacións dirixidas a protexer o areal e potenciar o seu atractivo turístico durante todo o ano para así desestacionalizar as visitas e evitar a masificación da praia.

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, afirmou na rolda de prensa que «as medidas meramente restrictivas que propón a Xunta non chegan. Limitar o acceso á praia porque si, sen dar máis alternativas, non vai evitar nin os atascos nin as colas de coches e de xente que pasa pola A-8 e quere mirar se ten sitio para visitar a praia máis emblemática da Mariña e de toda a costa norte».

«Non pode ser só sacar número coma na carnicería para entrar á praia -engadía Veiga-, hai que acometer un proxecto moito máis amplo para facer que grazas ás Catedrais Ribadeo e toda A Mariña sexan un atractivo durante todo o ano».

Sinalaba Antonio Veiga «que estes 123.000 euros aprobados hoxe son o investimento máis produtivo na economía da comarca, porque o retorno económico que xeran no turismo, na hostalería e no comercio da zona é moito maior».

Finalmente a Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo seguen reclamando a declaración de Parque Natural para a franxa litoral de Ribadeo que permita desconxestionar As Catedrais da súa presión turística ofrecendo ademáis alternativas.