Conversas de cabalos nas San Lucas

FRAN BOUSO

A MARIÑA

18 oct 2014 . Actualizado a las 17:19 h.

Xa pasou outra vez e xa llelo contara. Daquela foi polas Quendas, agora acontece nas San Lucas e desta volta non comín carne de poldro.

O certo é que a noite se alongou e que aparecín ben cedo no campo dos Paxariños, tanto que aínda se precisaba a luz dos farois para poder mirar a hora no reloxo, ao smartphone xa se lle acabara a batería había unhas horas.

-E ata parece que aluman pouco, pensei que pensaba para min.

-É polo aforro enerxético -dixo alguén, unha voz que non me resultaba familiar- A economía está moi mal e a dos concellos moito máis, seica non teñen nin para pagarlle a Barras Eléctricas ou como se chame agora a empresa da luz.

Miraba para un lado e miraba para o outro e non vía a ninguén, pero seguía escoitando aquela voz ao tempo que me chegaban os berros duns tratantes que debían estar descargando o gando dos camións aló por Carroceira.

-E agora queren xuntarse, como se ao arrimarse os gastos e as débedas fosen desaparecer -dicía a voz.

-Xa o fixeron cos bancos: moita fusión e moita absorción e ao final houbo que rescatalos co diñeiro de todos -apuntou outro.

Seguín mirando e non tardei en decatarme que o único que había ao meu arredor eran cabalos e algúns destes os que estaban a falar. Non me resultou estraño pois, como saben, xa me acontecera máis veces. Eu, que estaba chisposo soltei:

-Xuntarse si, pero non con calquera. Mirade o que dixo a alcaldesa de Lourenzá, que lle gustan máis os de Trabada que os de Mondoñedo. Será que non a trataron ben cando estudaba no Instituto (de Mondoñedo).

-Non home non, serache porque en Trabada ten casa aberta Belinda Whashinton e aos políticos sempre lles gustou ter de man aos da farándula -dixo un dos cabalos.

O certo é que aínda nos botamos unhas risas ao tempo que o día lle ía ganando á noite.

-Non ves? -soltou Peludo, que así dixo que se chamaba un dos cabalos que estaba na conversa- Agora que xa é de día e que non fai ningunha falta que as luminarias estean acesas, seguen alumando e tirando da luz. Así é normal que se gaste de máis e que todo o que hai non chegue a nada.

-Tampouco é así a cousa -argumentei eu- Estou seguro que axiña se apagarán. Tampouco van estar aí pendentes para darlle ao interruptor nada máis se vexa un pouco.

Xa se apreciaba certo movemento pola feira e os caldeiros do polbo empezaran a cocer.

-Parece que se vai quedar bo día -apuntei.

-E iso que non choveu polo San Froilán -comentaba Peludo- Xa sabedes o dito: Se chove no San Froilán, non o fai nas San Lucas.

-Pois a ver se se aguanta así polo menos ata o luns, que teño gana de escoitar aos vocalistas que van cantar no Voces da Paula -dixen.

-E que é iso? -Preguntou un dos cabalos.

Estáballes contando o dos cantantes cando sentín un formigueo pola perna abaixo, botei a man e resulta que era o móbil. Non me deu tempo nin a dicir «diga» e xa me estaban berrando: «Pero ti has vir para a casa...» E eu que pensei que estaba sen batería.