Presentan As San Lucas, as feiras e festas máis antigas de Galicia

E.M. LUGO, MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

Presentación do programa das San Lucas na Deputación Provincial de Lugo, onte.
Presentación do programa das San Lucas na Deputación Provincial de Lugo, onte.

A área de Cultura da Deputación volve colaborar con Mondoñedo

02 oct 2014 . Actualizado a las 10:00 h.

A sala de exposicións do Pazo de San Marcos, sede da Deputación lucense, acolleu onte a presentación da feira e festas das San Lucas de Mondoñedo, que se celebrarán na cidade episcopal entre o 16 e o 20 deste mes e coas que volve colaborar un ano máis a vicepresidencia da Deputación.

Onte asistiron á presentación Antonio Veiga, do BNG, vicepresidente da Deputación; o alcalde de Mondoñedo, Orlando González; o presidente da comisión de festas das San Lucas, Miguel Souto Cabana, e a tenente de alcalde mindoniense, Esperanza González.

Antonio Veiga destacou na súa intervención que «nas feiras e festas das San Lucas, as máis antigas de Galicia, poderemos gozar da tradición e da modernidade, e dun programa excelente de catro días que, seguro, vai congregar a moitísimos mariñans e xente chegada de todos os lugares. Dende a área de Cultura da Deputación colaboramos, como non podía ser doutro xeito, e como facemos con tantas outras feiras e iniciativas sociais e culturais, cunhas festas moi arraigadas na nosa tradición, para que ademáis poidan seguir servindo de motor económico en Mondoñedo», sinalou.

Pola súa banda o presidente da comisión de festas, Miguel Souto, explicou que as San Lucas acadan a súa 858 edición manténdose no século XXI fieis á tradición e tentando ser unha aposta pola dinamización cultural, económica e social de Mondoñedo e da provincia. Indicou tamén que se marcan como obxectivo que «Mondoñedo volva ser o 18 de outubro esa capital que foi no antigo reino de Galicia, e queremos que os galegos e galegas se sintan orgullosos de ter unha das feiras máis antigas de Europa».

A comisión preparou un programa con múltiples actividades, pero nas que o mercado cabalar segue tendo un papel fundamental. Do pregón encargarase o mindoniense Antón Meilán, un estudoso do mariscal Pardo de Cela, sobre o que escribiu moitos artigos e libros. Por iso a ofrenda floral farase diante da tumba do mariscal na catedral de Mondoñedo.

O pregoeiro será Antón Meilán, o estudoso do mariscal Pardo

de Cela

Queren que o 18 de outubro Mondoñedo sexa a capital de Galicia