O valor das minas da Silvarosa e os seus ferros fosforosos desde 1841

CARLOS NUEVO, CRONISTA OFICIAL DE VIVEIRO

A MARIÑA

Reproducción de una foto antigua, cedida por la Asociación Cultural Minas da Silvarosa.
Reproducción de una foto antigua, cedida por la Asociación Cultural Minas da Silvarosa.

O bum da minería en Viveiro da man de inversores vascos e alemáns

28 sep 2014 . Actualizado a las 17:59 h.

A pesares da importancia dos distintos afloramentos de mineral de ferro existentes na bisbarra viveiresa que foran descubertos dende moi antigo e postos en valor a partir de 1841 polo enxeñeiro de minas, o alemán Guillermo Schulz, autor do primeiro Mapa Petrográfico de Galicia (1835), o certo é que os xacementos férricos da localidade, moi abondosos de fósforo, resultaban naqueles anos totalmente inadecuados para o seu uso nos formos Bessemer como eran os biscaíños. Esto motivaba que apenas fosen utilizados, coa excepción dalgunha das tradicionais tradicionais ferrerías existentes nas proximidades (Escourido, Bravos, Silán, Muras?), ou ben como material de fundición das Reais Fábricas de Sargadelos. Neste caso, a meirande parte do ferro extraído proviña da explotación a ceo aberto ubicada na denominada Punta do Porco, situada na entrada da ría de Viveiro.

Porén, a partir de 1879 comezouse a utilizar na Europa industrial un novo convertedor descuberto por Thomas y Gilchrist, que mesturando o ferro fundido con calcita permitía eliminar o fósforo, producindo ademais unha escoira que se podía empregar como fertilizante no sector agrario. Este feito supuxo unha verdadeira revolución para os ferros fosfóricos do norte lugués, especialmente os de Viveiro e Vilaoudriz (A Pontenova). En adiante, produciuse o gran boom da minería viveiresa da man de destacados capitalistas mineiros, tales como os vascos Ricardo de Llano Oleaga, Maruri e Chávarri ou dos alemáns Esteban Mühe, os Massenez e Otto Kreizner, que a partir da década de 1890 solicitaron a inscrición no Rexistro Mineiro de diversos xacementos de ferro localizados nos concellos de Viveiro, Riobarba. Ourol e Xove. Non menos importante foron tamén as iniciativas doutros pequenos inversores da burguesía local e, incluso a posta en marcha de novos proxectos industriais como o das serrarías e o Complexo de Barro y Cía, constituído en Chavín na década de 1890, ao abeiro das Minas da Silvarosa.

La Iron Ore Company

De todas as minas de ferro da bisbarra as máis importantes foron as dos cotos mineiros da Silvarosa e Choupín, situadas na ladeira sur do mesmo monte, ademais das minas de Galdo, aínda que estas últimas non chegaron a ter a actividade das primeiras. As minas da Silvarosa púxoas en marcha o empresario mineiro alemán, aveciñado en Bilbo, Otto Kreizner, que axiña fixo partícipe da empresa ao cincuenta por cento ao célebre enxeñeiro Joseph Massenez, un dos introdutores do procedemento Thomas-Gilchrist en Alemaña. Coa finalidade de explotar as minas, estas foron recoñecidas en 1894 polo tamén enxeneiro alemán Federico Staaden, formándose en 1897 unha nova sociedade, a Vivero Iron Ore Company, unha empresa de capital maioritariamente xermano, pero con sede en Londres.

Inicialmente, a explotación comezou a xeito de canteira a ceo aberto, pero debido aos múltiples accidentes decidiuse transformar o sistema de explotación polo subterráneo de grandes tallos horizontais por recheo, operacións que dirixiu o enxeñeiro alemán Guillermo Cloos.