«Xa fixen seis veces de cura no cine»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O escritor do Valadouro foi homenaxeado na Semana do Cine de Lugo

17 sep 2014 . Actualizado a las 17:59 h.

Dentro da Semana do Cine de Lugo, onte presentouse nesta cidade o o libro Homenaxe a Manuel Lourenzo, de Manuel Curiel. Logo se proxectou a película El baile de las ánimas, na que tamén participou como actor o homenaxeado. Antes falamos con el.

-Chamei antes e me dixeron que ía de paseo.

-Si. Iso é un rito que cumpro diariamente porque hai que vivir ¿non? e para iso hai que moverse e como de momento non hai ningunha guerra aquí nas proximidades, nos próximos dez metros...(...) Está o mundo absolutamente tolo. (Logo conta unha anécdota que lle pasou con Tosar hai uns días e fala de que leva fóra unha tempada)

-Cando di estiven fóra é que estivo polo Valadouro ¿Non?

-¡Home!, onde vai ser. No valadouro e aledaños. No Valadouro e dende alí irradio a calquera sitio, a Asturias, a calquera parte de Galicia. Sempre hai tentacións., neste caso vencín unha dunha película que era por esas datas, e era atractiva, pero dixen vou ser fiel ás vacacións, o descanso e á familia que está por alí. Foron viaxes dun día aos sitios que a min me valen: a Mondoñedo, a costa de Foz a Viveiro, ou a Irlanda, dáme igual. Que sexa ese mesmo mundo que a min me toca nas entrañas, e xa son feliz.

-Iso que me contaron que non puido comer no xardín en todo o vrao.

-(Risa) ¿Quen dixo esa maldade? ...É certo; eu tería comido aínda que houbese vento que é o peor que pode haber nun vrao que ti pensas que podes descansar, pasalo ben e facer excursións. Pois non. Ter aí aquela hortiña e non poder comer alí é unha das ofensas máis grandes que me fixo o clima deste país noso, hai que perdoarllo que el tamén nos perdoa outras cousas

-Como é capaz un de liberarse das cadeas: sen coche, sen móbil.

-Sendo listo. Se non tes móbil non hai o temor de ir facendo monólogos pola rúa, nin de dicir estupideces, dis menos estupideces, dilas en directo e como en directo tes mais temor, a dicilas, dis menos. É unha conversa que levo case sempre cun amigo que me acompaña nestes paseos que intenta tamén ser plácido así coma min _non o conseguimos, enseguida nos poñemos a discutir_ É unha das cousas que falamos. Teño probas auténticas de implosión humana por culpa do móbil. (...) Ás veces pasan cousas fantásticas. Unha vez encontreime un alumno, un tipo que fai cine que é intelixente (agora está en Estados Unidos), encontreino do outro lado do semáforo e púxenme a facer paiasadas, que me encanta, a xente mira pero non saben quen son, da igual. Levanto unha perna, un brazo, poño caras raras agáchome, ... diante del. El viña escoitando non sei qué tomando café, todo a un tempo e ía para clase e non se enterou. Cheguei á clase e dixen: ¿Que pasa, non queres saudar? ¿Como? En Juan Florez ¿E cando) pois agora neno. No me digas que por vir tomando un café xa perdes o sentido da vista...A min paréceme moi grave. Ríome pero logo penso, mira que si perdemos o sentido da vista ou do ouvido. O que máis me preocupa é a educacións dos sentidos, do que informa cada un deles.. O do coche é difícil porque neste país as comunicacións públicas non son boas, pero prescindir do coche é unha sorte e che sae máis barato. Cando teñas que facer unha viaxe longa se non hai comunicación pública colles un coche, como me pasa a min co Valadouro, si hai que pillar taxi porque hai moita ousa que levar, como sempre acontece, a última hora pillamos un taxi que somos varios e cústache como un mes de coche ou menos. Non é tan difícil, depende das necesidades que teña cada un de moverse ou de atropelar a alguén ou de chegar pronto a tódolos sitios. (...) Pero non é o caso. O que eu pretendo é sentir o paso do día, non das horas, senón do día, o paso do sol. Saber que se vou a Velaúde e teño a sorte de que o sol aparece tras a Frouxeira e desaparece tras Os Penidos e sei por onde vai indo; sei que a medio día está na Pena das 12.

-Pero está atrapado polo cine, o teatro, escribir...

-Iso para min é fundamental, igual que para outros é fundamental manter as patacas as verzas ou facer outro tipo de traballos., Para min escribir, facer teatro, o cine menos, porque tamén hai menos e non me esforzo en absoluto, non vou a unha proba nin nada. (...) Sen desprezo ningún polo cine, que me encante, teño deixado de traballar en bastantes películas por non levar unha vida moi alterada. Case debo ser o único cura de aldea maior que aparece nas películas, porque levo seis curas xa dende os años setenta longos ou 80. Na película que van poñer foi o primeiro cura, e xa alí naceu outro cura (...) O difícil é encontrarme unha sotana. Si se fan, ben, pero se usan coma antes, sotanas de curas é difícil porque son pequeno de talla, mais ben redondiño e ancho de ombros e todo me queda apertado... (...) O teatro para min é o primeiro, diría que despois da familia. Despois da familia inmediatamente ben o teatro pero si a familia me impedise facelo, acabaría odiando á familia. Desde que descubrín a felicidade que era inventar o espazo, no momento que entras no escenario, cando descubrín a beleza e a gran superioridade sobre ti mesmo que che da o feito estar sobre un escenario, o pracer inmenso que tes a felicidade inmensa que che da eso...a felicidade cando todo está controlado é moi grande, creo que non se pode comparar con case nada, supoño que un músico dirá o mesmo. A música arrebata, rouba. Eu era moi adicto; agora adoro a música, pero intento non tela moito tempo. Quero estar esperto. Que non me esperte nin Bethoven.