Veiga: «Pechar a autovía despois de gastar 192 millóns, é que non se fixo ben»

MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

31 jul 2014 . Actualizado a las 07:03 h.

O vicepresidente da Deputación Provincial, o nacionalista Antonio Veiga, manifestou onte que «pechar a autovía, A-8, despois de ter gastado nela 192 millóns de euros demostra que non se fixeron as cousas ben nesta infraestrutura e máis despois de pasar só cinco meses da súa inauguración oficial».

Veiga aludiu ao feito de que «antonte mesmo tivese que ser pechada novamente a A-8 tan só unha hora despois da súa reapertura ao tráfico; aquí hai responsabilidades porque a néboa xa existía antes cando deseñaron a autovía por este curuto e non se estableceros as medidas necesarias para contrarrestar os seus efectos».

O vicepresidente da Deputación urxe ao Ministerio de Fomento a resolver esta situación porque «non se pode estar nesta indefinición de maneira permanente, non sabendo por onde hai que circular e con continuos cortes e desvíos de tráfico pola vella N-634».

Veiga estivo onte en Mondoñedo acompañado polo alcalde, Orlando González Cruz, que tamén presentou unha moción dende o concello instando a Fomento a garantir a seguridade pola A-8.

Ao PSOE dille Antonio Veiga «que non temos que salvarlle a cara a ningún ministro pola súa actuación (en referencia a José Blanco), o que temos é que salvar a vida das persoas que circulan pola A-8».

Finalmente Antonio Veiga, o vicepresidente da Deputación, esixiu a Fomento de novo «que poña en marcha de inmediato as medidas necesarias para corrixir as deficiencias que presenta a A-8 no tramo comprendido entre Mondoñedo e Abadín para que se poida circular con total seguridade».