Charlas, teatro e cine para rememorar a historia focense

I. DÍAZ ROLLE / Y. G. FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Filipe Senén fala hoxe en Foz sobre a presenza de celtas e bretóns na Mariña lucense.
Filipe Senén fala hoxe en Foz sobre a presenza de celtas e bretóns na Mariña lucense. X. R.< / span>

A Pomba do Arco organiza dende onte ata o día 31 estas xornadas

29 jul 2014 . Actualizado a las 07:01 h.

Nada como coñecer o pasado para evitar repetir erros. A algún -moitos- non lle viría mal lembralo. En Foz, sabeno mellor ca ninguén. Por iso, dende onte e ata o vindeiro xoves día 31, a asociación cultural A Pomba do Arco organiza as XIX Xornadas de Historia Local da vila. Son, como explican dende a organización, catro días cargados de actividades para coñecer un pouco máis a historia do Concello de Foz e, por tanto, de toda A Mariña lucense.

Estas xornadas veñen realizándose na Casa da Cultura Poeta Manuel María, ás 20.30 horas. Comezaron onte, coa posta en escena da obra teatral De vello gaiteiro. Unha comedia datada en 1929 e saída da pluma de Manuel Lugilde Penas, quen fora mestre en Foz.

Hoxe chega outra inmellorable oportunidade para empaparse de sabedoría e cultura promovida polo arqueólogo Filipe Senén, que impartirá unha charla titulada Celtas e bretóns na Mariña lucense. Nela, afondará na orixe histórica das terras focenses e da Mariña e na pegada que aquí deixaron bretóns e celtas. Serán temas ineludibles o asentamento do bispo Maeloc en Bretoña ou o Mosteiro Máximo e a súa vinculación coa actual Basílica de San Martiño de Mondoñedo. Outro dos máis destacados puntos de intereses pode ser o de corroborar canto teñen de verdadeiro, canto de lenda e canto de simple excusa festiva teñen as moitas celebracións históricas tan de moda na comarca durante os últimos anos.

Pero as xornadas non se quedan aí, e continuarán mañá e pasadomañá. O día 30 será o turno da gastronomía, pois Xosé María Leal Bóveda analizará para tódolos que se dean cita na Casa da Cultura o ciclo do pan e os diferentes hórreos do Concello de Foz. Non faltarán interesantes apuntes relativos á colleita, conservación e manufacturación do pan nin novidosos datos sobre os distintos tipos de hórreos que se atopan na Mariña e, especialmente, en Foz.

Este ciclo pecharase o xoves día 31, coa proxección da película documental La guerra de Severo. Nel, repasase a vida do último guerrilleiro republicano: Adolfo Lucas Reguilón. Este home exerceu como profesor en Foz baixo o alcume de mestre don Bernardo, co que puido traballar na súa profesión na vila ata que en 1956 foi detido pola garda civil en Mañente.

Así, se pecharán catro xornadas cheas de cultura e que, seguro, a máis de un lle descubrirán unha gran cantidade de cousas novas. Un plan alternativo e sumamente interesante, moi alonxado dos actos que soen formar a tónica xeral do verán nestas terras.