«Os veciños de Celeiro sempre aportan»

A MARIÑA

PEPA LOSADA

24 jul 2014 . Actualizado a las 16:50 h.

Cinco anos leva o Colectivo Chilindrín-Penalba ocupándose das festas patronais e do mar de Celeiro. Dúas mulleres e cinco homes desa asociación traballan dende fai máis de dous meses para facer realidade un programa «variado, o máis atractivo posible para todos os públicos e co prólogo cultural e musical». Bernardo Fraga, presidente de Chilindrín-Penalba, resume unha intención que volta a ser posible polas contribucións económicas das veciñas e veciños: «Sempre aportan; en todas as casas teñen sempre reservado para contribuír ás festas».

Coa comisión e, polo tanto, con todos os que disfrutan das festas, tamén cooperan, con aportacións fixas, a Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo e a empresa de armadores Puerto de Celeiro. A esos fondos e ás donacións dos veciños súmanse as dos armadores a título individual, ademais das do comercio do concello de Viveiro e de «parte do de Xove». A todo eso engádese o que reúnan esta noite, na Festa da Cervexa e da Empanada.

Os sete membros

Na organización dos festexos celeirenses deste 2014 traballan, de xeito desinteresado, dúas mulleres, Saray Blanco e Sara González; e cinco homes, os irmáns Suso e Vicen Gómez Portilla, Ignacio Fernández, Marco Antonio Taladrid e Bernardo Fraga.

Chilindrín-Penalba cumpre cinco anos como máximo responsable das festas de Celeiro. Asume unha tarefa para a que adoitan escasear os voluntarios. Manter comisións cidadáns como organizadoras de festexos tradicionais estase a converter nunha excepción. Entre outras razóns, porque reunir os cartos necesarios non se consegue sempre e, sobre todo, polos innumerables trámites legais necesarios.

«Mantemos o gasto e a recadación», suliña Bernardo Fraga. No conxunto de actividades que programaron este ano para as festas de Celeiro, Chilindrín-Penalba conta investir uns 56.000 euros.

Os sete membros da comisión organizadora insisten en que o seu obxectivo é ofrecer «actos para todos», dende os máis cativos ata os máis veteranos, pasando por mozos e xente á que se coñece como de mediana idade. O veredicto, inapelable, sairá do opinión de veciños e visitantes.

Agardan xente nas festas de Celeiro, como todos os anos. O escenario onde se desenrolan permite instalar todo tipo de atraccións e chiringuitos para os máis cativos.

Numerosas atraccións

Aí reúnense durante todos estes días familias con nenos e pandillas de rapaces, ávidos da diversión en postos de feira que no municipio de Viveiro só teñen parangón e se superan na romaxe de Naseiro, a finais de agosto.

Bernardo Fraga explica por qué cambian os fogos artificiais do sábado á noite. Lanzalos dende a praza do Monumento ao Náufrago pode derivar en sustos como o do ano pasado, cando a un rapaz lle caeu enriba unha charamusca dunha bomba de palenque. Por iso este ano optaron por trasladalos á punta do peirao da lonxa nova, o muelle sur de Celeiro. Dende ahí ganarán vistosidade porque, ademáis de ampliarse o campo dende onde se poderán seguir, o escenario é maior.