«Ribadeo, que vou dicir, forma parte da miña alma»

IVÁN DÍAZ / S.C. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

No disponible

A volta da Feira do Libro a Ribadeo, tras 20 anos de ausencia, celebrarase coa visita da súa filla pródiga

16 jul 2014 . Actualizado a las 07:08 h.

Xa son 91 veráns os que a aluman pero nin sequera outros tantos tan apáticos como o que estamos a vivir serían capaces de facela perder o seu amor pola escritura. Confesa, orgullosa que aínda ten «varios traballos entre mans», aínda que entre verso e verso, saca tempo para lembrar tempos xa lonxanos: os da súa infancia, vivida a cabalo entre Viveiro e Ribadeo. Un lugar, este último, onde presentará esta fin de semana o que é, ata o de agora, o seu derradeiro traballo: El sol de medianoche. É Luz Pozo.

-Que podemos atopar en El sol de medianoche?

-É un libro feito cun inmenso cariño, en lembranza da miña neta primoxénita Natalia, que faleceu. Tiña unha relación moi estreita con ela, por iso é un poemario que considerei necesario, pero moi difícil para mín.

-Como son os seus poemas?

-Este poemario constitúe unha elexía. Pero é unha elexía moi distinta. Á marxe da vida, a morte, a tristeza... manteño un diálogo coa miña neta, no que se pode percibir o contraste entre unha mentalidade moderna -a súa-, e unha anclada no pasado -a miña-.

-Por que en castelán?

-A familia materna da miña neta non é galega. Considerei necesario facelo así. Por ela e pola súa familia.

-Que tal acollida está tendo este libro?

-Moi boa. Quizáis a crítica non estea sendo tan extensa como en outras ocasións, pero é moita a xente, algúns moi achegados, que me din que é unha obra admirable, do mellorciño que escribín.

-Que significa para vostede ter a oportunidade de presentalo en Ribadeo?

-É o lugar ao que máis cariño lle gardo de todos onde vivín. Ribadeo está na miña alma. Forma parte da miña alma. Tamén Viveiro, é verdade.

-Que importancia tiveron Ribadeo e A Mariña ao longo da súa obra?

-Moita. Tamén Viveiro, como digo. Gardo moitas lembranzas da miña infancia na Mariña. Non sería o que son sen ela.

-Ten forzas para seguir escribindo?

-Teño varios traballos entre mans. Mentres poida escribirei, pero iso depende da providencia. A cabeza aínda me funciona mellor para escribir que para falar.