Mondoñedo é poesía

HENRIQUE RABUÑAL, ESCRITOR E PROFESOR

A MARIÑA

01 may 2014 . Actualizado a las 19:01 h.

Nos seus escasos meses de vida, o Grupo Literario Leiras Pulpeiro conseguiu repoñer a cidade de Mondoñedo e todo o seu acervo cultural no mapa do mundo que agora tamén se percorre desde computadoras, teléfonos intelixentes e redes sociais. Mondoñedo foi sempre terra de libros, de historia, de arte. Un grupo de artistas, escritores e profesores nacidos na terra de Leiras, o médico dos pobres, ou vinculados a ela animan as actividades do Grupo e deixan ouvir a súa voz. Unha voz intelixente e comprometida das que cómpren nestes tempos confusos e convulsos. Este 1 de maio o Grupo, xunto coa Asociación As San Lucas, chama a capítulo e convoca a veciños e forasteiros a concelebraren con vinte poetas e dous músicos a poesía que xa está na cerna e na alma da Vilamaior do Val de Brea.

Se Mondoñedo é algo -alén de paisaxe, memoria, mito- ninguén dubida que é pura e alta poesía. Revitalízase con esta convocatoria a vizosa tradición dos excelentes poetas e sobranceiros artistas nacidos na cidade episcopal e dos moitos que habitaron os espazos máxicos do Seminario Conciliar de Santa Catarina, berce dunha das máis excelsas bibliotecas galegas.

O Cemiterio vello, a Praza do Concello, a fonte vella, o Cristo, a Praza Jaime Cabot, o auditorio municipal Pascual Veiga son os espazos desde onde poetas de diversas xeracións e obediencias estéticas dirán ao mundo a súa palabra. Urbi et orbi. Varios poetas son mariñáns mentres outros proceden de diversas xeografías do país representándoo na súa diversidade. Mondoñedo exercerá máis unha vez de capital da poesía galega, esa enerxía limpa e renovábel que nos permite repensar a nosa condición de humanos e enxergar as palabras, novas e vellas, con que debuxar o mundo e a alma desde a vetusta e venerábel Valibria.

Sentiremos a ollada protectora de Álvaro Cunqueiro, o verso solidario de Leiras Pulpeiro e as súas rosas vermellas, o eco infinito de Noriega Varela, de Díaz Jácome, de Pascual Veiga... Unha das mil primaveras soñadas por don Álvaro verémola desde o rosetón oxival da catedral, desde os corredores que percorreron como seminaristas Noriega e Aquilino, Pastor Díaz e Díaz Castro. E entre músicos, poetas e veciños faremos festa grande desde a palabra e a súa irmá a música. Artes maiores.

Galiza non ten sentido nin ten futuro se non pon en valor cidades e vilas que como Mondoñedo son capitais centenarias que resumen páxinas grandiosas da nosa historia e identifican a tantos persoeiros da nosa cultura. «Mondoñedo é poesía» nace desde logo ancorada nas raíces dese pasado glorioso e consistente pero pretende proxectarse cara un futuro que neste século ten que lle dar unha oportunidade de vivir e revivir, de reinventarse.

No comezo da nosa actividade docente no IES de Foz, aló no curso 86/87,o da última gran nevarada, pasamos e paseamos moitas veces por Mondoñedo, a cunquiña deleitosa, e deixámonos engaiolar polas súas rúas, prazas e edificios históricos. Polos seus tellados de lousa e as súas encristadas ameas. Pola súa gastronomía sincera. Polos seus silencios sonoros. E volvemos porque Mondoñedo non deixou de ser nunca epicentro e ágora da nosa cultura.

E hoxe, 1 de maio, volveremos para reencontrarnos con moitos amigos e compañeiros que animan o Grupo Literario Leiras Pulpeiro como Antonio Reigosa, Armando Requeixo, César Morán, Ramón Reimunde, Paco Piñeiro, Fran Bouso ou Julia Labrador quen co alcalde mindoniense á cabeza farán de acolledores cicerones nunha iniciativa feliz chamada a perdurar. Para que como quería Leiras nos acollamos «ao sol, ao aire na aldea» pero tamén á calor eterna e conmovedora da poesía e da música. Fillas lexítimas e ilu stres da vella e renacida cidade de Mondoñedo.

Henrique Rabuñal é escritor e profesor e participa hoxe en «Mondoñedo é poesía» (auditorio, 19.30).