Lourenzá lembra os 100 anos do nacemento de don Paco del Riego

Hoxe haberá misa, ofrenda floral e proxectarase un documental

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Lourenzá recorda desde hoxe o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010), unha efeméride na que o Concello aproveitará para lembrar a vida e a obra do ilustre intelectual e tamén fillo predilecto deste municipio desde novembro do 2001. O equipo de goberno rexistrou o pasado 3 unha moción para declarar o 2013 como o ano de Francisco Fernández del Riego, que finou o 26 de novembro do 2010 aos 97 anos. A Administración local ten previsto conmemorar esta celebración ao longo deste ano organizando distintos actos. O primeiro deles terá lugar hoxe, luns 7. A partires das sete da tarde celebrarase na igrexa de Santa María de Valdeflores unha misa en homenaxe a Fernández del Riego.

Desde ese punto a celebración trasladarase ata a Praza do Conde Santo, onde se levanta o busto dedicado ao intelectual. Alí farase unha ofrenda floral. A continuación, no salón de actos da casa consistorial proxectarase o documental Pegadas na memoria, un traballo sobre o homenaxeado elaborado pola TVG.

Un persoeiro chave

A rexedora de Lourenzá, Emma Álvarez, lembrou que Fernández del Riego «foi un persoeiro chave na historia da cultura galega contemporánea». A primeira edil repasou a traxectoria profesional do intelectual galeguista e animou aos veciños a participar nos actos que hoxe se organizan para lembrar «a un laurentino ilustre (..) O aprecio que lle ten o noso pobo a don Paco, a un dos seus fillos máis distinguidos non só se plasmou co seu recoñecemento co fillo predilecto do ano 2001, senón que tamén un ha das rúas do casco urbano leva o seu nome, na súa casa natal loce unha placa de homenaxe e tamén foi pregoeiro da Festa da Faba». Álvarez tamén lembrou que na vixésima edición desta celebración gastronómica, no 2011, celebrouse unha homenaxe a título póstumo. Non pasou por alto un dos episodios protagonizado por Fernández del Riego na súa localidade natal: «Foi desde o o propio balcón da casa consistorial de Lourenzá onde iniciou a súa actividade pública pronunciando nos anos 30 un discurso que nin a Guerra Civil nin o réxime franquista conseguiron parar, e izou a bandeira galega como reivindicación do galeguismo, que durante toda a súa vida defendeu».

Del Riego dirixiu a Fundación Penzol desde 1963, impulsou a creación do Día das Letras Galegas, ingresou na RAG en 1960 (presidiuna entre 1997 e 2001), xunto con Ramón Piñeiro impulsou a Editorial Galaxia, foi membro do Seminario de Estudos Galegos, das Mocedades de Galiza, do Partido Galeguista... ademais de ser o derradeiro supervivivinte dunha brilante xeración de intelectuais.