«Atópome sen forzas para empezar outro proxecto»

Ignacio Meitín Buján
i. meitín Buján BURELA / LA VOZ

DEPORTES

O técnico burelense deixará o club ó remate desta tempada

18 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O actual adestrador da Sociedad Deportiva Burela poñerá fin á súa etapa no club da Marosa ó remate da tempada en curso. Son moitas as razóns que o impulsaron a tomar unha decisión que os seus xogadores xa coñecen dende hai varias semanas, pero por enriba delas unha de moito peso: «Atópome sen forzas para empezar outro proxecto», di.

-Un punto de 15 posibles nas cinco últimas xornadas. ¿O equipo volve ás andadas?

-Os xogadores intentan facelo o mellor posible, pero sen a intensidade dos adestramentos é imposible competir a un bo nivel. Falta continuidade no xogo e velocidade en case todas as accións.

-Con 40 puntos o descenso xa non é unha ameaza. ¿Ou si?

-Non sei se é unha ameaza ou non, pero iso é o de menos. Cando se compite non se fai individualmente senón en nome dun club e hai que saír a gañar sempre. Se algún xogador lle dá igual gañar ou perder polo feito de estar salvado debería quedarse na casa.

-¿Xa é oficial a súa saída ó remate da tempada?

-Xa lle comuniquei ós xogadores hai varias semanas que non seguiría, independentemente de cales fosen os resultados.

-¿Cales son as razóns?

-Creo que debe chegar sangue nova. Levo cinco anos, tres deles no primeiro equipo, e atópome sen forzas para empezar outro proxecto. Outra razón importante é a marcha continua de xogadores das categorías inferiores, algo que me queimou e me fixo ver as cousas doutra maneira. Equivoquei o proxecto e en parte foi por ese goteo incesante de futbolistas que deberían estar no Burela e non o están.

-¿Deixa o club ou só o primeiro equipo?

-Quero descansar polo menos unha tempada.

-¿Cre que o Burela acadou as metas fixadas para este ano?

-En absoluto. Creo que o equipo rendiu a un 20 ou 30% das súas posibilidades. As razóns poderían encher un libro, pero case todas sonarían a excusa. Este ano só me sentín cómodo e a gusto os dous primeiros meses.

-Nestes anos tivo a oportunidade de dirixir a moitos xogadores da canteira. ¿A cal lle augura mellor futuro?

-Dos xuvenís destacaría a Moro e Miguel, que van xogar a súa terceira fase de ascenso en tres categorías diferentes, cun rendemento exemplar dende fai cinco anos e que renunciaron a xogar na Liga Galega para seguir no Burela. Tamén hai bos xogadores en cadetes e infantís de segundo ano, e máis abaixo hai varias xeracións moi fortes que se seguen xuntas poden darlle moitas alegrías o club. A nivel individual podería destacar a Dani (cadete), Ramiro (por poñer un porteiro (infantil), Pol (alevín) e Jorge (benxamín).

-¿Engadiría algo máis?

-Pediríalle ó Concello que non deixase de lado á canteira do Burela como fixo este ano. Os case 150 nenos que hai nas escolas non merecen ese desapego.

suso pena adestrador da sd burela

«Este ano só me sentín cómodo

e a gusto os dous primeiros meses»