Cando Foz ulía a café tostado

A MARIÑA

Pepita Cageao e Marcelino Villarino son a terceira e cuarta xeración dunha saga de ferreteiros que naceu co negocio de Francisco Fuente, alá polo 1900

09 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Catro xeracións son a mellor proba de que unha empresa pode sobrevivir varios séculos. Ferretería Fuente é un dos negocios tradicionais de Foz, fundado en torno ao 1900 por Francisco Fuente Riego. Pepita lembra que o seu avó estivo emigrado en Cuba durante oito anos. Cando voltou fundou un negocio na parroquia focense de Santa Cilla: Ultramarinos y Confitería. Chocolates, vinos y licores. Calzado, cerería, quincalla y ferretería .

De carácter emprendedor, Francisco Fuente dedicouse anteriormente a vender polos mercados e a montar unha tenda de quincalla en Ferreira. Cando se instalou como empresario en Foz abriu na rúa Pasadoiro, onde o negocio continuou ata o ano 1982, cando mudou a súa ubicación á avenida da Mariña. En xaneiro do 2006 foi obxecto dunha homenaxe que lle tributaron pola súa traxectoria os membros da Federación de Comercio de Lugo, na Gran Gala do Comercio.

Francisco Fuente tivo sucesora. A súa filla Emérita Fuente rexentou o negocio de Foz ata que lle cedeu o testigo á súa filla, Pepita, quen leva sesenta anos detrás do mostrador da ferretería. Aínda que recoñece que agora non lle dedica o mesmo tempo, a Pepita gústalle pasar a diario polo negocio para falar coa xente. Emociónase ao recordar cánto cambiaron as cousas e xusto nese intre desvía a conversa para intentar lembrar o nome dun dos clientes que está a piques de abandonar a tenda. El facilítalle as cousas: «Adeus Pepita, eu traballaba en Talleres Martínez». O saúdo compensou o día.

Nun intento de recordar os seus inicios na ferretería, Pepita Cageao lembra cando tiñan ultramarinos e vendían zucre, azafrán, arroz, e cando o café era o rei da tenda: «Acórdome cando se tostaba o café na rúa. Era un costume que o meu avó trouxera de Cuba e lembro que o olor a café estaba por todo o pobo».

Daquela época, a familia garda enmarcada unha das bolsas de papel decoradas nas que se repartía o café entre os clientes e na que se pode ler: «El rey del café tostado. Tienda de coloniales. Paquetería, quincalla-ferretería. Bandejas para automóviles. Michelín».

Agora as cousas son distintas. As ferramentas que venden son máis sofisticadas e «todo foi evolucionando pouco a pouco». E aínda que Marcelino tomou as rendas de Ferretería Fuente hai quince anos, a Pepita gústalle saber cómo vai o negocio. Amosa carácter e firmeza empresarial e confianza no cabeza da cuarta xeración á hora de sacar adiante un negocio familiar nun mundo cada vez máis globalizado.

E aínda que sesenta anos dan para moito, Pepita non lembra moitas anécdotas, pero nunca se esquence de cando un veciño intentou comprar un artigo nunha tenda de Ferrol. Ante a imposibilidade de adquirir o que pretendía, o cliente dirixiuse á empregada para dicirlle: «¡Ai, se fora Pepita!».

Entre os centos de artigos expostos na ferretería loce unha silla de madeira e coiro. Nai e fillo precisan que era do fundador, de Francisco Fuente, do ano 1905. Do seu antecesor, Pepita e Marcelino lembran que só el e outra irmá, dos cinco que eran, levaban o apelido Fuente. O resto, tiñan o de Fonte, polo que tiña que andar cun documento que acreditara o seu parentesco.

O tempo voa, pero no negocio cren que aínda é cedo para falar dunha quinta xeración de ferreteiros.